A Escola de Enxeñería Industrial pon en marcha unha iniciativa pioneira entre ambos lados do Atlántico na que docentes de ambas partes afondan en enerxía sustentable e contornas intelixentes.
campus de Vigo acolle durante esta semana a primeira edición da
escola de verán 'Sustainable Energy & Intelligent Environments.
Enabling technologies' organizada conxuntamente polo Department of Electrical and Computer Engineering de North Carolina State University (EEUU) e pola Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo.
Esta iniciativa está especialmente orientada a estudantes do Mestrado
en Enxeñería Industrial, preferentemente alumnos procedentes dos Graos
en Enxeñería en Tecnoloxías Industriais, Enxeñería Electrónica
Industrial e Automática e Enxeñería Eléctrica. Como explica o profesor Juan José Rodríguez Andina,
que coordina esta actividade xunto coa subdirectora do centro, Cristina
Trillo, trátase de afondar no papel que teñen a enxeñería, a
electrónica e as tecnoloxías para facer posible o desenvolvemento dos
sistemas intelixentes do futuro.“O obxectivo desta escola de verán é proporcionar aos estudantes unha formación complementaria en temas de gran relevancia tecnolóxica na actualidade, aproveitando con este fin a posibilidade de contar con expertos de ambas institucións e, grazas a isto, facelo dende unha perspectiva internacional”. Deste xeito, ao longo de catro xornadas abórdanse diferentes temas relacionados con enerxía sustentable e contornas intelixentes, facendo fincapé nas novas tecnoloxías que permiten estas dúas realidades.
En total participan 46 estudantes, 13 deles de Vigo e 33 da universidade estadounidense, e nestes días abordarán, entre outras cuestións, temas como as comunicacións fiables e seguras en redes intelixentes, a creación de aplicacións de robots móbiles flexibles, a electrónica de potencia e controis para sistemas de enerxía renovables, procesamento do láser de semicondutores para microelectrónica e fotónica, centros de datos eficientes en termos enerxéticos ou modelaxe de dispositivos microfluídicos para captación de enerxía.
A intención de ambas partes é que esta escola de verán se leve a cabo de forma regular e, de feito, existe un grande interese tanto dende a Escola de Enxeñería Industrial como dende NCSU na organización de actividades conxuntas, como se puxo de manifesto a semana pasada durante a visita a Vigo da profesora Linda Krute, directora de Distance Education Programs del College of Engineering do centro estadounidense.
O profesor Rodríguez Andina traballou no laboratorio do investigador Mo-Yuen Chow durante o curso 2010-2011 e onde dende entón realizan estadías estudantes da EEI para o desenvolvemento dos seus traballos fin de mestrado ou como parte da súa tese de doutoramento. O profesor Chow, explica Andina, xa impartiu un seminario no centro vigués en maio de 2014, e nesta escola de verán foi o encargado de abrir este martes o programa da escola estival.
PROGRAMA
En cada unha das xornadas desta escola de verán haberá unha contribución de ECE e outra da EEI que terán lugar en Raleigh e Vigo, respectivamente. Os participantes de cada una das sedes poden asistir ás presentación ben presencialmente na súa universidade ou ben a través do enlace por videoconferencia establecido entre ambos centros. Tras o relatorio de apertura da man do profesor Mo-Yuen Chow titulado Micro Grid Cooperative Distributed Energy Management and Battery, SoC/SoH/SoF Estimation na sesión de tarde deste martes e dende Vigo interviu o profesor Rodríguez Andina, que abordou os sistemas integrados para espazos intelixentes.
Este mércores a quenda é para Iqbal Husain, do Department of Electrical & Computer Engineering por parte da NCSU e de Joaquín López, do Departamento de Sistemas da Enxeñería e Automatización, por parte da Universidade de Vigo. O xoves o expertos encargados das ponencias serán Wenye Wang, Department of Electrical & Computer Engineering e Stefano Chiussi, do Departamento de Física Aplicada. Finalmente, o venres pecharán a escola de verán Elena Martín, do Departamento de Enxeñería Mecánica, Motores Térmicos e Máquinas e Greg Byrd, Department of Electrical & Computer Engineering.
Os estudantes participantes recibirán, ademais dun diploma conxunto emitido polos centros organizadores de ambas universidades, a alta gratuíta como membros de IEEE (Institute of Electrical and Electronics Engineers) e IES (Industrial Electronics Society) durante o ano 2016, informa M. del Río no DUVI.
Ningún comentario:
Publicar un comentario