venres, 6 de maio de 2016

Microsoft lembra que a actualización de balde a Windows 10 remata o 29 de xullo

Dende Microsoft celebran que Windows 10 superou a barreira dos 300 millóns de dispositivos activos, aproveitando a ocasión para lembrar que está a piques de rematar a súa promoción de actualización de balde dende Windows 7, 8 e 8.1. O 29 de xullo será o derradeiro día para poder gozar da actualización de balde a Windows 10, de xeito que a partires de tal data unha licenza da versión doméstica de Windows 10 tería un prezo de 119 dólares, polo que cómpre non deixar pasar esta posibilidade.
Para animar a dar o salto a Windows 10 insisten en que esta versión do sistema operativo de Microsoft está a ser a de máis rápida adopción por parte de empresas e particulares, gozando de grande éxito moitas das súas características estrela. Por exemplo, o asistente persoal Corta xa respondeu máis de 6.000 millóns de preguntas dende o seu lanzamento; Windows 10 está a confirmarse como a plataforma preferida para os videoxogos; as novas aplicacións integradas en Windows 10 están a ser moi ben recibidas polo público (por exemplo, a aplicación de Fotos supera os 144 millóns de usuarios activos ao mes; e a plataforma de aplicacións universais está a ser aproveitada por Facebook, Messenger, Twitter, Netflix... para achegar as súas aplicacións aos nosos equipos, o que pouco a pouco tamén acontecerá cos xogos (Rise of the Tomb Raider e Quantum Break estaban planificados como exclusivos para Xbox, e finalmente teñen versións para Windows 10).
Este verán está prevista a chegada cunha actualización de aniversario de Windows 10 que tamén incluirá importantes novidades, de aí que sexa tan importante actualizar antes de tal data, para non deixar así pasar a oportunidade de gozar dun Windows 10 ao día de balde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario