martes, 3 de maio de 2016

Lalín estrea biblioteca e wifi pública e externa

A edil de Cultura sinala que os libros non se colocarán ata xullo, cando se dispoña xa do novo equipamento.

A biblioteca de Lalín conta con 24.000 volumes catalogados, aos que se suman moitos máis pendentes de catalogación. Movelos non foi tarefa fácil e agora queda colocalos. Onte o edificio, situado no antigo consistorio, abriu xa as súas portas ao público. Fíxoo no mesmo horario que tiña, de 9.00 a 21.00 horas, de luns a venres e os sábados de 9.00 a 14.00 horas. Onte pola mañá, mentres os operarios municipais, aínda se afanaban no traslado de parte do antigo mobiliario, algunhas mozas estreaban xa as instalacións estudando na sala principal da nova biblioteca.
No antigo local, situado na rúa F, un cartel advertía aos usuarios que xa se realizou o traslado. A nova biblioteca ofrece espazos diáfanos e un torrente de luz natural. Iso sen contar cunha sala destinada especificamente a traballos en grupo e na que os usuarios poidan falar sen ter que gardar o silencio que impera no resto das instalacións. Á estrea sumouse unha conexión inalámbrica a Internet de alta velocidade, externa e pública. A wifi do centro cultural conta cunha rede wifi de alcance perimetral que poderá ser usada polos veciños, que terán que rexistrarse, e chega ata a rúa Joaquín Loriga.
Unha sala para opositores e no piso de abaixo unha sala infantil, un salón de actos unha sala de audiovisuais completan as instalacións. A edil de Cultura, Lara Rodríguez, sinalou onte que os libros da biblioteca permanecerán na súa gran maioría en caixas ata que se dispoña dos novos andeis, aínda que se aproveitará tamén o xa existente. Calcula que o novo equipamento podería estar instalado no mes de xullo e será entón cando se coloquen os libros «porque non podémosvos por ata que teñamos as andeis». Por esa razón a sala de infantil estará pechada e dentro están depositados os volumes. A biblioteca suma mais de 4.500 socios.

Firma do convenio con Cultura

Onte o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, asinou co conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o convenio para o equipamento da nova biblioteca. A Xunta achega 40.000 euros que estarán destinados á compra de mobiliario como mesas, butacas, cadeiras, un mostrador e os novos andeis, A compra, apuntou a edil de Cultura, sacarase agora a licitación. Cuíña agradeceu a colaboración ao conselleiro. A esta suma unha axuda de 40.219 euros da Deputación, incluída dentro do Plan Concellos, e que serviría para comprar mobles, equipos de seguridade, sistemas informáticos e audiovisuais e reordenar o espazo exterior.

Ningún comentario:

Publicar un comentario