Xogar
a predicir o futuro no ámbito das telecomunicacións parece algo arriscado, pero
hai algo do que non temos dúbidas: a demanda de datos vai continuar medrando de
xeito imparable, especialmente en mobilidade. Nesa liña temos o último informe de Ericsson,
no que analizan a explosión do consumo de datos móbiles que estamos a
experimentar, que medraría un 60% no último ano, ao que contribuíu
especialmente a chegada do 4G, o que os leva a predicir que de aquí ao ano 2021
o uso de datos móbiles na Europa occidental multiplicarase por 10, chegando así
aos 18 GB ao mes, o que hoxe pode parecernos unha tolería se atendemos aos
plans de datos que temos contratados. Dende Ericsson incluso estiman que en Norte
América a situación sería aínda máis esaxerada, multiplicado por 12 o consumo
de datos actual, de xeito que chegarían as 22 GB/mes.
Cómpre salientar que cando falamos de consumo de datos móbiles non estamos a
contar as conexións Wi-Fi nin os datos incluídos en servizos integrados polos
operadores (como o Llamadas Wi-Fi de
Orange) senón simplemente o tráfico que computa como consumo o noso operador de
telefonía móbil, polo que o consumo de datos no móbil sería moito máis elevado.
Esta evolución do consumo, sumado ao incremento global do número de
subscritores, vai ser todo un reto para os operadores de telecomunicacións, que
teñen que adaptar as súa infraestruturas para poder atender a demanda dos seus
usuarios, á vez que teñen que continuar a avanzar tecnoloxicamente coa adopción
dos novos estándares para así poder facer posible que os accesos á Rede a
través do móbil sexan satisfactorios. Queda así claro que o 5G será unha
necesidade xa dende o punto de vista dos usuarios particulares (se engadimos á
ecuación a chamada Internet das Cousas temos que a banda larga móbil precisa
dun importante pulo para non ser un freo ao avance da tecnoloxía que pretende
ser ubicua).
Ningún comentario:
Publicar un comentario