Un proxecto
galego fin de carreira que investiga as comunicacións adaptativas en
canles satélite móbiles vén de ser premiado entre os mellores do
ano na XXXVI Edición dos Premios aos Mellores Proxectos de Fin de
Carreira, Traballos de Fin de Máster, Teses de Doutoramento e
Traxectorias Académicas en Enxeñaría de Telecomunicación
outorgados polo Colexio Oficial de
Enxeñeiros de Telecomunicación de Madrid. E cómpre subliñar
que o autor deste estudo é o vigués Anxo Tato Arias, que se fixo co
galardón na categoría Premio Hispasat ao Mellor proxecto fin de
carreira en novas tecnoloxías para satélites de comunicacións e o
vindeiro día 24 recollerá o seu premio nunha cerimonia que se
celebrará no Instituto da Enxeñaría de España en Madrid.
“O broche de ouro a
sete anos de carreira”, subliñaba Anxo Tato, estudante de
doutoramento da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo,
quen explicaba que “O noso traballo aplicámolo a ligazóns por
satélite onde o terminal do usuario é móbil, en troques de estar
nunha localización fixa, coma na recepción de televisión por
satélite, o terminal do usuario está na parte superior dun
vehículo, como pode ser un coche, un barco ou un dron”, facendo
fincapé no feito de considerar que un terminal móbil dificulta
enormemente as comunicacións, xa que ao moverse atoparase cunha
sucesión de estados de boas, regulares e/ou malas condicións de
recepción. “Por exemplo, se o terminal móbil ten visión directa
co satélite, poderá transmitir datos a unha velocidade alta; pola
contra, se existe algún elemento coma unha árbore ou un edificio
que entorpece parcial ou totalmente o sinal do satélite, o terminal
terá que reducir a taxa binaria (a velocidade de datos da conexión)
se quere garantir que a información enviada chegue sen erros ao
outro extremo”, expoñía Tato.
E seguindo co proxecto, nel
investigáronse algoritmos de adaptación de ligazón que tentan
axustar de maneira intelixente certos parámetros dun transmisor
(modulación e taxa do codificador de canle) para tentar transmitir a
máxima cantidade de datos que as condicións da canle de
comunicacións permitan. “Trátase de espremer ao máximo o ancho
de banda asignado para transmitir a máxima cantidade de información
posíbel de xeito fiábel”, resume Tato.
O mozo investigador,
contratado polo centro de investigación AtlantTIC da Universidade de
Vigo no marco do proxecto de I+D Táctica, tiña tamén palabras de
agradecemento para o director do proxecto, o catedrático da Escola
de Enxeñaría de Telecomunicación Carlos Mosquera, “o premio é
tamén un recoñecemento ao seu bo facer”. Entregaranlles cadanseu
diploma acreditativo e, a maiores, o autor do proxecto recibirá 1000
euros.
Arestora, Tato Arias está
a realizar a súa tese de doutoramento, un traballo que segue a
estela do proxecto fin de carreira e que tamén dirixe Mosquera e
cómpre salientar que segue apostando pola lingua galega dende a
Asociación Trabalingua, unha asociación aberta de mozos e mozas
vinculados á Universidade de Vigo e preocupados pola situación
actual da lingua galega, da que el foi presidente, pois en palabras
de Anxo Tato: “Calquera actividade laboral é compatíbel coa
defensa do galego”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario