Para o próximo curso, son necesarias máis de 100 novas prazas.
A CIG Ensino é coñecedora, a través das
listas de admitidos e admitidas das distintas escolas infantís da rede
do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Galiñas Azuis, da
necesidade de contratar máis de 100 persoas entre mestras e mestres,
educadoras e educadores e persoal de servizos xerais (PSX).
Debido á diminución dos cadros de persoal dos centros de
traballo, polas sucesivas amortizacións de persoal, urxe máis que nunca a
apertura das listaxes de agarda do persoal do Consorcio, non só para
cubrir as case 100 prazas de nova creación, senón tamén para atender as
necesidades das propias traballadoras e traballadores. É inaceptábel que
a mala xestión da Xerencia do Consorcio, negándose a abrir as listas de
substitucións, tal e como lle solicitou a CIG en sucesivas ocasións,
leve a que as traballadoras e traballadores teñan que aprazar as súas
visitas médicas ou renunciar a días de asuntos propios para que as
Galescolas poidan seguir funcionando.
O persoal do Consorcio leva
nos seus postos de traballo desde o ano 2.007, sen posibilidade de
permutar nin de participar nun concurso de traslados, polo que a
creación destas 100 prazas é a mellor oportunidade para emendar esta
situación e acabar coas prácticas caciquís e servís do partido popular.En consecuencia, a CIG-Ensino exixe que se oferten estas prazas tan necesarias ao persoal do Consorcio en concurso de traslados interno e que as resultas ou vacantes deste concurso sexan cubertas nunha oferta pública e transparente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario