venres, 3 de xuño de 2016

Xúntase no CESGA o proxecto PhenoloGIT, dirixido a afianzar nas escolas o estudo dos fenómenos na natureza

A pasada semana xuntouse na sede en Santiago do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) o consorcio do proxecto europeo PhenoloGIT, unha iniciativa encamiñada a crear e analizar un acubillo de información sen cancelas para afianzar nos centros educativos o estudo científico da súa contorna. PhenoloGIT, como sinalamos recentemente en Código Cero avanzando detalles deste proxecto europeo, fornece apoio a unha Infraestrutura de Datos Espaciais (IDE) baseada en código aberto e estándares europeos INSPIRE e con vistas a afianzar en Primaria e Secundaria a investigación en fenómenos naturais. A través de PhenoloGIT, explica o CESGA, “darase forma a unha plataforma educativa de información ambiental apoiada por tecnoloxías de información xeográfica (GIT) e dispositivos móbiles comúns para profesorado e alumnado”.
A solución tecnolóxica do proxecto PhenoloGIT estará desenvolvida polo CESGA, e contará con tres partes principais: primeira, unha aplicación para dispositivos móbiles que facilitará a recollida de observacións por parte de alumnado e profesorado; segunda, un servidor de mapas dispoñíbel a través dun navegador web que permitirá a visualización, consulta e extracción de datos; e terceira, unha plataforma de aprendizaxe en liña aberta a que outras escolas europeas poidan unirse á experiencia “e aumentar as posibilidades de emprego e espallamento desta plataforma educativa”, explica o CESGA.
O proxecto está liderado pola Universidade de Plymouth. Por parte galega (e española) participan o CPI Multilingüe O Cruce, de Cerceda (A Coruña) e o Centro de Supercomputación de Galicia. Completan o consorcio a Universidade VIA, de Dinamarca, e o Centro de Tecnoloxías da Información na Educación do Ministerio de Educación de Lituania.
A web oficial do proxecto PhenoloGIT é phenologit.org, ao que cómpre engadir as súas presenzas nas redes sociais Facebook e Twitter.
Segundo lembra o centro galego, a fenoloxía é unha disciplina que estuda os fenómenos biolóxicos que se presentan de maneira periódica axustados a ritmos estacionais e que teñen relación co clima (definición da axencia estatal AEMET). Respecto dos tempos previos aos actuais, un dos baleiros máis importantes que afectaba a esta disciplina era a inexistencia de recursos que evitasen ou reduciran os esforzos despregados para o desenvolvemento dos rexistros manuais. Así, sinala o CESGA, a aparición e espallamento dos teléfonos móbiles e tabletas con GPS e cámara, unido á posibilidade de conectarlles sensores e outros complementos de medición, simplificaron os procedementos e impulsaron este eido de investigación. A proposta PhenoloGIT diríxese a tirar o máximo proveito deste vieiro tecnolóxico. Ao seu abeiro, o CESGA desenvolve as ferramentas a utilizar, tanto aplicacións móbiles como todos os compoñentes do xeoportal onde se poderá realizar a visualización de datos. Para iso tirarase proveito de tecnoloxías abertas e estándares europeos “que garantan a posibilidade de utilización de recursos externos”. Por exemplo, capas de información proporcionadas polas axencias nacionais e autonómicas. Tamén se busca que as TIC sen cancelas faciliten o acceso aos datos de observación xerados polo propio proxecto a investigadores e axencias interesadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario