xoves, 7 de maio de 2015

Unha investigadora da USC recibe o premio 'Novo Investigador' da Asociación Española de Xenética Humana

A institución recoñece este ano a Laura Fachal, do grupo de Medicamento Xenómico da Universidade de Santiago.

A investigadora do grupo de Medicina Xenómica da USC Laura Fachal recibiu o premio Novo Investigador en Xenética Humana outorgado pola Asociación Española de Xenética Humana.

A doutora comezou o seu labor investigador en 2007 investigando o papel do xenoma mitocondrial na predisposición xenética á enfermidade meningocócica. Posteriormente, na súa tese de doutoramento profundou na procura de variantes xenéticas causais ao desenvolvemento de toxicidade radioinducida no cancro de próstata, baixo a dirección de Ana Veiga e Ángel Carracedo.

Na actualidade desenvolve unha bolsa postdoctoral financiada pola Xunta de Galicia á que se engadirá, a partir de abril de 2016, a dotación da axuda Marie Curie da Comisión Europea que lle permitirá continuar no Departamento de Oncoloxía da Universidade de Cambrigde. Ademais, a doutora Fachal participa na Rede Galega de Investigación sobre Cancro Colorrectal (REGICC), é membro adscrito do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Raras (CIBERER) e colabora na elaboración dun protocolo co fin de detectar ADN tumoral circulante en soro de pacientes de cancro de pulmón. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario