Varios centros de ensino galegos estiveron a traballar no proxecto europeo EUfolio, iniciativa derivada do
grupo TIC e educación do Programa Formación 2020 e Educación, cun modelo
piloto co que se pretende experimentar a utilización do ePortfolio en todas as
materias apoiada por unha documentación suficiente que sirva como base para
implementar e salientar os seus beneficios na avaliación do alumnado. Os
centros galegos participantes no proxecto son os CPI O Cruce (Cerceda), de
Vedra e Alfonso VII (Caldas), e os IES da Pobra do Caramiñal, Faro das Lúas
(Vilanova de Arousa), Campo de San Alberto (Noia), Rodeira (Cangas), Fonmiñá
(Pastoriza), Leliadoura (Ribeira), Río Miño (Rábade), Fontem Albei (A
Fonsagrada), Asorey (Cambados), e Monte das Moas (A Coruña).
A
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora con
outros 13 socios europeos neste proxecto que enmarca nas políticas de apoio
ás novas tecnoloxías xunto coa estratexia transversal do goberno galego de
promoción das TIC a todos os sectores de actividade, recollida no marco de
negociación egoberno2013. Nese senso enlaza co programa Abalar que recolle,
suma e incrementa os recursos existentes para acadar a resposta integral e de
futuro aos retos que presenta a educación dos nosos nenos na sociedade dixital
do século XXI.
Ao abeiro do proxecto EUfolio desenvólvense dúas versións de
ePortfolio para empregar nos países socios, así como guías de formación e
directrices para a experimentación. Os ePortfolios resultantes do proxecto son
espazos de traballo dixitais, dinámicos, do alumnado no que pode plasmar as
súas ideas e o aprendizaxe, manexar o seu traballo e compartilo, reflectir
sobre o mesmo, poñer metas e mostralo. Estas ferramentas, que os alumnos
manexarán co apoio do profesorado, permitirán crear perfís, almacenar arquivos,
crear resumos e publicar noticias.
A organización está deseñada dun xeito que se adecúa ás
novas necesidades xurdidas polo ensino TIC e as competencias do alumnado. Deste
xeito, os alumnos poderán participar en redes sociais e foros de debate dun
xeito lúdico e ao mesmo tempo didáctico. A isto hai que engadirlle que os
produtos elaborados polos alumnos serán avaliados por eles mesmos e polo
profesorado.
Vídeo promocional do proxecto EUfolio
Ningún comentario:
Publicar un comentario