martes, 12 de maio de 2015

Xuntanza cos partidos políticos do Concello de Pontevedra

A Federación de ANPA de Pontevedra (FANPA) organiza unha xuntanza con todos os grupos políticos do Concello de Pontevedra que concorren ás próximas eleccións municipais, co obxectivo de expoñer conxuntamente os distintos programas electorais municipais en materia de educación.
O formato da xuntanza será en dúas partes. Unha primeira parte expositiva, cun tempo fixado, no que un representante de cada partido político exporá o seu programa. Nunha segunda parte, permitirase ao público asistente facer preguntas, ben a un representante específico, ben a todos os grupos. As preguntas admitidas serán aquelas referentes aos programas municipais, non se admitirán preguntas sobre política xeral, sobre política municipal fóra do ámbito da educación, ou sobre educación fóra dos programas municipais de cada partido.
Esta xuntanza celebrarase o xoves 14 de maio ás 20.00 h, no salón de actos do Instituto Sánchez Cantón. A convocatoria faise extensiva, non só ás ANPA federadas, senón tamén ao conxunto da comunidade educativa: pais, nais, titores, profesorado, persoal auxiliar e alumnado.
Cremos que é moi importante, nos tempos que corren e porque lles esiximos aos políticos transparencia e compromiso, establecer canles directas entre os políticos e os cidadáns que fagan posible as explicacións e o diálogo cos primeiros.
Polo tanto, quedades invitados/as a esta xuntanza, e ao mesmo tempo, pedímosvos que a fagades chegar a toda a comunidade educativa do voso centro de ensino, polas canles que dispoñades.
Unha aperta cordial O presidente Rogelio Carballo Solla

Ningún comentario:

Publicar un comentario