Esta nota amosa o nerviosismo da Consellería polo rexeitamento que está tendo a realización desta proba.
A CIG-Ensino, ante o envío por parte da
Consellaría de Educación aos centros educativos de primaria dunha folla
informativa sobre a proba individualizada que a administración pretende
aplicar o día 27 e 28 de maio para que lla fagan chegar ás familias do
alumnado quere manifestar o seguinte: (continúa no interior)
- Trátase dunha nota propagandística coa que a Consellaría pretende convencer ás familias para que os seus fillos e fillas realicen a proba unha vez que saben que está a ser rexeitada polo conxunto da comunidade escolar.
- Supón un insulto ao traballo do profesorado ao afirmar que as familias “van coñecer os resultados obtidos polos seus nenos e nenas nas competencias lingüísticas e matemáticas, información da que non dispoñían até o de agora”. É dicir, para a Consellaría o traballo do profesorado, as cualificacións, o contacto coas familias, avaliación continua e o seu traslado ao boletín de cualificación non ten importancia ningunha. Mais unha vez a Consellaría de Educación mostra un desprezo e desconfianza absoluta pola implicación e o traballo que diariamente realiza o profesorado.
- É unha aberración desde o punto de vista pedagóxico someter o alumnado a unha presión innecesaria xa que o vai avaliar baixo estándares uniformizados, sen considerar a educación como un proceso no que hai que avaliar e considerar as circunstancias persoais, socioeconómicas, capacidades e actitudes do alumnado.
- Despreza a avaliación continua e a opinión do equipo docente. Ninguén mellor que o titor ou titora ou o equipo docente para coñecer as carencias, potencialidades, habilidades e capacidades do alumnado e dos medios, recursos e apoios necesarios para propor as actuacións e procedementos necesarios, mellorar a aprendizaxe e o rendemento escolar e conseguir os obxectivos correspondentes.
- É innegábel que esta proba o que busca é clasificar ao alumnado e non informar e orientar o proceso de aprendizaxe pois non hai mellor procedemento para iso que a avaliación continua que considera todos os factores que interactúan no proceso aprendizaxe.
- Minte cando afirma que non é unha avaliación externa. Quen elabora a proba e os criterios da súa avaliación? A consellaría non o equipo docente.
- É a propia Consellaría, ao limitala ao ámbito lingüístico e matemático, quen menospreza a adquisición doutras competencias destrezas e habilidades do campo artístico, musical, refusando o ensino da nosa historia e medio natural, imprescindíbeis para a aprendizaxe e o rendemento escolar.
- Supón tamén un despropósito, xa que os estudos de aprendizaxe que se pretenden avaliar corresponden aos tres primeiros cursos de primaria e o alumnado que vai sufrir as probas só cursou terceiro da LOMCE.
- Non se pode negar o evidente. Esta proba clasificará os centro segundo os resultados ao mesmo tempo que debilitará a motivación do alumnado con peores resultados.
A CIG-Ensino esíxelle á Consellaría que, en lugar de enviar notas propagandísticas e desprezativas co noso traballo é adiar a aplicación da LOMCE que, amais doutras consideracións, está sendo un desatino absoluto e que está rexeitado polo conxunto da comunidade escolar, tal e como se amosou onte no Consello Escolar de Galiza, solicitando a retirada do decreto de currículos da ESO E do Bacharelato.
NOTA ENVIADA POLA CONSELLARÍA
Ningún comentario:
Publicar un comentario