luns, 11 de maio de 2015

Na procura dun pacto contra a explotación infantil

O Premio Nobel da Paz 2014, Kailash Satyarthi, defendeu a implicación política, institucional e social para erradicar o traballo infantil.

"Ola Galicia!. Como están vostedes?". Foron as primeiras verbas do Premio Nobel da Paz 2014 Kailash Satyarthi antes de falar sobre os dereitos dos nenos e a necesidade de buscar alianzas internacionais para defendelos.
 
Satyarthi interviu na Coruña, no ciclo "Palabras para Galicia 2015", coa conferencia "Educación para unha sociedade sustentable: Construíndo alianzas innovadoras", convidado pola entidade financeira Abanca.  Tras citar casos como os das nenas secuestradas en Nixeria, as menores que "son vendidas coa lotaría e que non están preparadas para ser escravas sexuais" ou os nenos que portan escopetas en Siria, Paquistán ou Iemen, o Nobel indio defendeu a implicación política, institucional e social na erradicación do traballo infantil en tan malas condicións.
 
"Vós sodes o cambio, podedes xerar o cambio", clamou ante un auditorio ao que asegurou que a depresión económica e as incertezas políticas "non son duradeiras", e por iso instou a "crer" nun mesmo e a confiar "ao grande" nas súas posibilidades porque "non hai motivos para ser pesimistas".
 
Ademais do poder dos mozos como valor emerxente neste cambio do mundo, Satyarthi destacou a responsabilidade empresarial e o poder da sociedade civil para lograr unha sociedade sustentable que “coide ás persoas, ao planeta, a prosperidade e a paz mediante a educación e sen descoidar a compaixón”. Neste contexto, tamén fixo un chamamento aos líderes relixiosos "a traballar a través da compaixón real polos nenos" e pola sociedade, onde se requiren asociacións innovadoras.
 
"A paz continúa sendo un ben escaso", sobre todo en diversas partes do mundo onde nestes momentos "hai corpos caendo baixo o repiqueteo das armas", pero tamén onde non ven satisfeitos os anhelos que se perseguen no ámbito persoal ou familiar, aseguraba horas antes o vicepresidente de Abanca e presidente do grupo Banesco, Juan Carlos Escotet,  na presentación deste ciclo de conferencias.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario