Máis do 40% do alumnado auséntase para non realizar as probas de reválida.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino
Público concentrouse esta mañá diante da consellaría de Educación
-coincidindo co inicio das probas de reválida de terceiro de Primaria
que terán lugar hoxe e mañá nos centros educativos-, para manifestar o
seu máis rotundo rexeitamento ao que definiron como unha “aberración”,
do punto de vista pedagóxico, un despilfarro económico, unha
desautorización do profesorado e un tensionamento innnecesario do
alumnado. Unhas probas que tamén están sendo rexeitadas polas familias
que, segundo os datos da CIG-Ensino, non enviaron aos centros a máis do
40% do alumnado.
En representación da Plataforma Galega en defensa do
Ensino Público, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo
Louzao, manifestou que se trata de probas serven
“exclusivamente para avaliar estándares que só miden o ámbito lingüístico e
matemático, cando a formación integral das persoas é moito máis” e que “poñen
en tea de xuízo, desvalorizan e desestiman o propio profesorado”.
Fronte a iso defendeu a avaliación continua, fundamentada
no coñecemento do profesorado, non só do rendemento escolar do alumno/a, senón
tamén dos contextos socioeconómicos en que se dá esa aprendizaxe. “Hai que
avalialo todo, ninguén mellor que o propio equipo docente que imparte as
clases”, afirmou.
Denunciou ademais que se vulnera a liberdade de cátedra e
supón unha “desautorización” do profesorado, que verá condicionado o seu
traballo docente, na medida en que se vai ver obrigado a conseguir unicamente
que o seu alumnado supere a reválida porque do contrario será un fracasado/a do
punto de vista académico e do punto de vista laboral”.
Para a Plataforma Galega en defensa do Ensino Público
estas reválidas supoñen tamén introducir no ensino unha visión profundamente
neoliberal e competitiva á marxe doutros aspectos que Anxo
Louzao considerou importantísimos, “como a visión centralista, na medida en que estas
avaliacións e reválidas van estar fixadas en Madrid, sen considerar todo aquilo
que nos conforma como pobo galego”.
A este respecto denunciou a uniformización do sistema
educativo que pretenden “xa que son probas que se basean en estándares que
veñen fixados desde fóra” e alertou ademais de que os resultados van provocar
unha clasificación dos centros como de primeira, de segunda e de terceira o que
logo condicionará, á súa vez, os recursos e os medios con que conten.
Louzao valorou esta concentración como “unha loita máis
que desde a PGDEP estamos levando en contra da LOMCE” e subliñou que a
plataforma exixe, non só que non se realicen as reválidas, senón que a LOMCE
non se leve a cabo. “Hai que derrogala porque é unha lei que nace morta”.
A este respecto manifestou a súa preocupación pola
“vasalaxe” da consellaría de Educación, “a Xénova e ao PP”, no canto de velar
polos intereses do ensino galego e de defender o ensino público, sen facer uso
das cativas competencias que ten”.
Entrega no
rexistro
Ao remate da concentración unha representación da
PGDEP fixo entrega no rexistro da Xunta dun escrito dirixido ao conselleiro de
Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que sintetiza a valoración que a
plataforma fai destas probas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario