venres, 8 de maio de 2015

Afogada na Cámara a proposta do BNG para transformar en lei o Plan de normalización lingüística

O Bloque quería transformar o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade da Cámara en 2002, nunha lei, para darlle rango de obrigado cumprimento. Esta situación suporía, por exemplo, e en palabras da deputada Ana Pontón, que o coñecido como decreto do plurilingüismo de Alberto Núñez Feijóo sería "ilegal".
Pero para os populares, a proposta de norma que levaron os nacionalistas á Cámara autonómica é "inútil, rompe todos os consensos, é perturbadora e converte a lingua no centro do debate político".
Agustín Baamonde, o encargado de posicionar ao PP no pleno, censurou que Ana Pontón comparase a situación da lingua co "racismo", xa que a deputada do BNG apelou á protesta protagonizada por Rosa Parks nos Estados Unidos dos anos 50, cando era obrigada a sentar na parte traseira do bus por ser negra.
Pontón defendeu a súa comparación e pediu que o galego "deixase de viaxar na parte traseira do autobús", ao tempo de que advertiu de que "non é unha lei do BNG, senón de todos" os que traballaron na elaboración do plan de normalización. A parlamentaria nacionalista aduciu que o galego pasa polo "peor momento da súa historia" e asegurou que se arrastra a situación de "diglosia" dende a historia, que foi de "represión" para a lingua propia de Galicia.  Ademais, remarcou que se trataba de situar o galego en "igualdade" en ámbitos como na xustiza ou na sanidade, onde se atrasan –dixo– trámites e operacións pola ausencia desta lingua.
O parlamentario do PP, pola súa banda, acusou ao Bloque de practicar unha "política cavernícola" e de usar o idioma, xunto ao "soberanismo", como "bandeiras" que lle quedan, ante a irrupción doutras formacións políticas. Ademais, acusou de utilizar a lingua propia para o seu "camiño ao soberanismo". Así mesmo, recriminou que o Bloque manteña a súa "vella" teoría da "imposición normativa" e apelou a que as normas do Goberno de Feijóo contan co apoio da "maioría social", en referencia a que conta coa maioría da Cámara autonómica.
Pontón lamentou que "non teñan respecto polos acordos parlamentarios" do pasado e considerou un "auténtico desatino" as palabras do deputado popular, ao que reprochou utilizar "demagoxia barata" e de crear unha "confusión absolutamente estúpida" que vai "en contra da normalización lingüística".
DEMAIS GRUPOS
Pola súa banda, o deputado de AGE Xabier Ron mostrou discrepancias coa formulación, pero defendeu a necesidade de "dialogar" sobre a lingua e "debater", e esperou que o PP apoiase a tramitación desta proposta de lei para que se producise este escenario. Ademais, considerou o plan de normalización un "paso fundamental" para o idioma.
Concepción Burgo, por parte do PSdeG, recriminou ao PP que diga que foi a oposición a que rompeu o consenso da lingua e se mostrou molesta por que se queira "reescribir" a historia neste sentido. Así, recordou que a entón deputada popular Manuela López Besteiro compareceu coa que era conselleira do bipartito Laura Sánchez Piñón na presentación do decreto do galego, que era "de todos".

Información tirada de Galicia Hoxe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario