O grupo 'Bocinazo' anima a carreira para promover a lingua.
"Hai futuro aquí!", berraba o cantante do grupo Bocinazo. Brian e Sara, do CEIP Príncipe Felipe, viñan de debullar en directo un pouco de millo diante dunha ateigada Praza da Ferrería. Era unha das actividades da festa do Correlingua. Outra delas serve para pór a proba a capacidade pulmonar dos cativos, aos que dende o escenario se lles pide que berren o máis forte que poidan. "Isto si que son pulmóns!".Máis de 1.600 escolares de Educación Infantil, Primaria e Secundaria de Pontevedra, segundo a organización, participaron este ano na carreira escolar pola lingua, Correlingua, ao seu paso pola capital da provincia. Armados con pancartas dos distintos colexios participantes (20) ou con lemas relativas á defensa do uso do galego, os rapaces realizaron primeiro unha carreira polo centro histórico para rematar despois na Ferrería, onde se celebrou unha festa conducida por Xurxo Souto. Alí actuou o grupo Bocinazo, gañador do concurso Cantalingua deste ano. A banda foi quen de facer unha versión tola de Loquillo e de homenaxear ao Xabarín. "Agora xa non actúan os grupos no Xabarín, pero está o YouTube", dixo Xurxo Souto. "Buscade a este mito de Negreira: Bocinazo".
Ningún comentario:
Publicar un comentario