xoves, 14 de maio de 2015

Galego con leite

O Foro E. Peinador vén pregoando dende hai anos a necesidade reformular a celebración do Día das Letras Galegas; mesmo lle propuxemos o ano pasado á Real Academia Galega que dedicase un mes das letras ao empresario, mecenas e filántropo galeguista, Enrique Peinador Lines do que se cumpre o próximo día 20 de xuño o 75º cabodano do seu pasamento; ou ao investigador e tamén empresario de minas, Isidro Parga Pondal a quen Foro Peinador lle dedicou o ano pasado o Día da Galeguidade Empresarial. Ambos os dous con perfís de galeguistas ben definidos.

Desde o ano 1963 vénse celebrando o Día das Letras Galegas dedicado á exaltación da obra de autores que cultivaron os xéneros litearios. Labor encomiable e que chegou a ter momentos de gran participación, sobre todo nos centros escolares, complementada co activismo cultural dos movementos asociativos, cando estes tiñan moita máis vida ca hoxe.  Porén dun tempo para acó foi minguando a forza que noutrora tiveran as celebracións.
 
A creación literaria é unha mínima parte da nosa cultura.Únaselle a esta apreciación incuestionable a crise editorial e os índices de lectura que son moi baixos, sobre todo na poboación adulta. Hai, pois, que reformular o enfoque da celebración desta xornada que ten que proxectarse a todos os sectores sociais sen ningunha exclusión, superando as rotinarias programacións. Non abonda co  ámbito educativo. A proposta que nós facemos é transversal, incorporando a franxas da sociedade tradicionalmente indiferentes á restauración dos nosos elementos identitarios, incorporando a un maior número de empresas; empresas que teñen a posibilidade de trasladar esta mensaxe regaleguizadora aos seus traballores e traballadoras e consumidores en xeral. 
 
Neste empeño hai que situar a receptividade  da Cooperativa Feiraco, que vén  de colocar no mercado un millón de envases de leite etiquetados en galego co engadido dunha caricatura de Filgueira Valverde e un breve texto da súa autoría. Un exemplo dedgaleguismo empresarial que fará posible que en milleiros de fogares galegos  empecen a familarizarse co noso patrimonio cultural e lingüístico. Se hai vontade política e imaxinación para argallar estratexias de comunicación  novidosas, a Real Academia Galega e o Goberno galego deberán reorientar a próxima celebración do Día das Letras, elixindo un persoeiro coas características propostas polo Foro  Peinador,  facendo posible  o comezo dunha nova xeira de miras máis amplas e participativas.
 
Procurar novos  mensaxeiros e escenarios para que a convocatoria  celebración dunha  data tan importante no calendario festivo galego se revitalice con novos protagonistas. Vivimos tempos de grandes mudanzas que tamén afectan á lingua galega. Seguir programando a celebración fundamentalmente para os escolares é choer o discurso nunha parte da sociedade. As rotinas non son boas conselleiras para seguirmos acadandos máis receptores e novos escenarios.Se queremos avanzar hai que virar en redondo.
Xosé Glez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario