O debate porá o peche a esta segunda xornada. Esta poderá seguirse tamén a través da rede social Twitter coa etiqueta #1mes1profDIX e vía streaming a través da web do proxecto.
O programa, polo miúdo
Tras a benvida institucional, a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, o fundador e responsábel de Teimas Desenvolvemento, Miguel Varela, abrirá as intervencións co relatorio Faite experto en xestión de residuos e gamificación. Segundo explica a organización do evento (Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia), Teimas é unha empresa de desenvolvemento software orientada a produto, que centra a súa actividade no sector ambiental. Entre os seus traballos destaca o software para a xestión de residuos Teixo.A continuación, o responsábel de Contact Comunicación, César González, falará da xeración de contidos en multipantalla. Contact Comunicación centra o seu labor en innovar no sector da mercadotecnia e a comunicación para ofrecerlles ferramentas máis eficaces e eficientes aos clientes, que garantan o retorno de cada euro que se inviste.
Pola súa banda, o xefe de Escola HT A.T0.049 do Real Aeroclub de Santiago, Claudio Guridi, compartirá a súa experiencia na xeración de contidos a través de avións non tripulados ou drons. Guridi é piloto comercial e instrutor con preto de 1.500 horas de voo, das que 800 son como instrutor. Posúe a Habilitación de Tipo como piloto de Boeing-737.
Luz Castro, directora da área In Gaming da empresa Imaxin Software, será a encargada de afondar na adaptación de contidos. O seu labor céntrase no desenvolvemento de xogos interactivos e produtos multimedia.
Finalmente, Esteban Vázquez, socio de Tesla Technologies abordará o perfil profesional dun experto na elaboración de xogos interactivos. Testa é unha empresa especializada en videoxogos e interactivos. Deseña e programa interactivos multiplataforma e acumula unha ampla experiencia en interactivos HTML5-CSS3_Canvas.
Lembrar que a campaña 1 mes, 1 profesión dixital arrincou o pasado mes de abril coa xornada Faite profesional dixital do marketing dixital. Trátase dun ciclo de seis xornadas sobre novos perfís dixitais, que se desenvolverá ata outubro, e que ten como obxectivo xeral crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio das TIC cara ao emprego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario