xoves, 14 de maio de 2015

Por que a reválida suporá un paso atrás no noso sistema educativo?

A LOMCE, ese despropósito de Lei Educativa que o actual goberno pretende implementar a pesares da oposición de gran parte da comunidade educativa está comezando a causar, como cabía agardar, os primeiros estragos. A citada lei está unha vez máis de actualidade porque ó longo deste mes terán lugar os famosos exames de reválida que o señor Wert decidiu rescatar do baúl dos recordos disfrazándoos baixo o nome de avalación externa. Son moitos os motivos polos que esta avaliación supón unha ferida máis para un sistema educativo que se desangra por todas partes. Estas son, ó meu modo de ver, as principais razóns polas que a reválida contribuirá a acelerar a evidente hemorraxia:
1. Porque se dirixe a un alumnado que carece do nivel madurativo axeitado para afrontar este tipo de probas. Non é aconsellable que un rapaz de 8 anos se someta a unha proba de dous días de duración que, lonxe de contribuír ó seu desenvolvemento, tan só fomenta a competitividade, ademais de xerar un estrés innecesario e avivar a clásica obsesión polos resultados que vimos arrastrando dende fai décadas e que empobrece tremendamente o proceso de ensinanza-aprendizaxe.
2. Porque, unha vez máis, redúcese o obxecto de avaliación á clásica competencia en comunicación lingüística e á competencia matemática, obviándose o resto de habilidades que cada alumno precisa desenvolver para poder falar dunha educación integral e que en países líderes en educación se coidan co respecto que merecen. Refírome con isto a áreas como a competencia social e cidadá, a cultural e artística ou a nai das intelixencias, a emocional. Avaliar a un neno só polas súas habilidades nas linguas e nas matemáticas é tan nesgado como avaliar unha creación culinaria só pola súa presentación.
3. Porque unha vez máis o Ministerio de Educación menospreza a opinión dunha parte importante da comunidade educativa que se opón á realización de ditas probas. Así, a Ceapa (Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos) chama ás familias a non realizar a proba denunciando falta de información respecto das consecuencias da mesma. Comunidades como Asturias ou Andalucía, nun xesto de lucidez, decidiron oporse ó goberno e non aplicarán a proba. En Galicia o conto cambia bastante xa que unha vez máis a nosa comunidade manterá o seu carácter de fiel vasalo do goberno central e aplicará as devanditas probas os días 27 e 28 de maio.
4. Porque denigra a labor dos docentes, especialmente dos titores, xa que a elaboración das probas de avaliación contará a cargo da administración, relegando ós mestres ó papel de meros correctores. Privar a un mestre da posibilidade de modificar os contidos ou o procedemento de avaliación para adaptalos mellor ás características dos seus alumnos é un insulto á pedagoxía e á intelixencia do profesorado.

Non son poucos os expertos en educación que alertan da inutilidade deste tipo de probas que, a pesar dos eufemismos e a propaganda pseudopedagóxica coa que se nos intenta vender á sociedade dende ministerios e consellerías de “deseducación”, non teñen outra finalidade máis que alimentar ese afán por clasificar, segregar e establecer rankings que permitan manter vivo ese rancio clasismo que algúns parecen levar gravado no seu ADN. Por iso, e máis ca nunca, haberá que seguir loitando para intentar atenuar as consecuencias do anacronismo político que nos malgoberna. A nosa xuventude ben merece o esforzo.

Martiño Riera Rodríguez


Ningún comentario:

Publicar un comentario