Entre o 40-50% do alumnado non acudiu ás aulas na primeira xornada de boicote.
VÍDEO NO INTERIOR.
Esta cuarta feira (27 de maio) e coincidindo coa primeira xornada de avaliación, familias, crianzas e axentes da comunidade educativa concentráronse ás portas da Consellaría de Educación para amosaren o seu "rotundo rexeitamento" ás reválidas da LOMCE, na mobilización convocada pola Plataforma galega en defensa do ensino público.Representantes do profesorado, da Confederación de ANPAS Galegas e organizacións estudantís e xuvenís tildaron as probas avaliativas en Primaria como unha "aberración pedagóxica" en verbas de Fernando Lacaci e Anxo Louzao.
Neste senso, defenderon a avaliación continuada en mans das equipas docentes como o método máis eficaz para medir os coñecementos adquiridos polo alumnado.
"Hai que avalialo todo", sinalou Anxo Louzao en representación da Plataforma Galega en defensa do ensino público, fronte a probas que "só miden o ámbito lingüístico e matemático, cando a formación integral das persoas é moito máis".
Eis as razóns que motivan o "palpábel anoxo masivo das familias", explicou Lacaci pola Confederación de ANPAS galegas quen sinalou, aliás, o "gasto de fondos públicos" que carrexa a súa aplicación, un investimento que para a Plataforma é "innecesario".
Na mobilización tamén se atopaban algunhas das crianzas que esta cuarta feira non acudíu ás aulas. Segundo Educación estaban convocadas arredor de 22.000.
Ningún comentario:
Publicar un comentario