As familias estanse a poñer á fronte da rebelión contra a reválida do alumnado de 3º de primaria. A Consellaría de Educación recibiu xa os primeiros escritos asinados polas familias nos que se manifestan en contra e anuncian que non levarán aos seus fillos e fillas ao centro os días das probas.
37 nenos e nenas dos 46 que cursan 3ª de primaria no CEIP López Ferreiro de Santiago non irán os días 27 e 28 de maio ás aulas. Decidíronos os seus pais e nais e hoxe fixéronllo saber ao Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través dun documento que rexistraron este serán na sede central de San Caetano.Os pais e nais do López Ferreiro comunícanlle ao departamento de educación da Xunta que non terá alumnado nas aulas os días que tiña previsto sometelos ás probas de avaliación e xustifican a súa decisión, en primeiro lugar, por consideraren que non é atinado, do punto de vista pedagóxico “someter ao alumnado de oito anos a unha presión innecesaria”.
Como o centro público de Santiago, outros grupos de pais e nais e ANPAS de centros están a decidir facerlle fronte á reválida apoiando a proposta de non levar o alumnado ao centro de ensino nesas datas, convite que lanzou tamén a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.
Desconfianzas da Consellaría
Lamentan, tamén que a Consellaría desconfíe do traballo de titores e titoras xa que, segundo sinalan, “ninguén mellor ca eles/elas e o equipo docente do centro para coñecer as carencias, potencialidades, habilidades e capacidades do alumnado, así como os medios, recursos e apoios necesarios para mellorar a súa aprendizaxe e rendemento escolar.”
Ademais de anunciar que non enviarán os seus fillos e fillas ao colexio os días 27 e 28 aproveitan para apuntar que a Consellaría está a “malgastar os fondos públicos, malia as múltiples carencias dos centros”. Esixen tamén a destrución de datos de carácter persoal que a Consellaría manexe no ficheiro que denominan “avaliación do sistema educativo”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario