A Mesa animou a activar o compromiso normalizador que Galiza precisa en todos os concellos
Con motivo do comezo da campaña electoral para as eleccións
municipais do 24 de maio, A Mesa pola Normalización Lingüística reiterou
hoxe a petición a todos os partidos e candidaturas que se presentan,
dun compromiso explícito e claro coa lingua galega nos Concellos.
A proposta da Mesa inclúe que todos os cargos públicos, departamentos
e organismos dependentes da administración municipal teñan a lingua
galega como lingua xeral de referencia oral e escrita; que a
administración parta da oferta positiva do galego na atención oral e
escrita á cidadanía, tanto presencial como telefónica ou telemática; que
as empresas subcontratadas polo concello garantan o respecto á
oficialidade do galego e aos dereitos lingüísticos das veciñas e
veciños, ou impulsar a creación dun Servizo de Normalización
Lingüística naqueles concellos onde aínda non existir.
Neste sentido, desde A Mesa salientaron a necesidade de que os
alcaldábeis asuman o compromiso de impulsar políticas activas en favor
do galego e dotar con recursos a planificación lingüística do concello,
con actuacións transversais en todas as áreas municipais procurando o
incremento do uso e prestixio da lingua propia de Galiza.
A entidade en defensa da lingua destacou que o que se reclama non é
máis que o cumprimento das leis ou de acordos parlamentarios como o
PXNLG, e que porén están a ser vulnerados, sen que na práctica pasen de
declaracións de intencións.
Segundo o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “estase a producir unha
grave involución nas garantías de dereitos lingüísticos nos Concellos,
nalgúns casos consecuencia da privatización de servizos a empresas que
directamente desprezan o galego” e sinalou como exemplo o caso do servizo de recadación do Carballiño que lle negou a atención a un cidadán só por se expresar na súa lingua.
Maceira chamou tamén ao conxunto da sociedade, que, tal como indican
todos os estudos si quere galego, a que se implique na demanda aos seus
representantes, “exixindo un dereito básico, activándose a todos os
niveis para conseguilo, e participando nos diferentes actos que a
plataforma cidadá Queremos Galego, coordinada pola propia Mesa, convocou
para o 17 de maio”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario