Este domingo 17 celebrouse o Día Mundial de
Internet e os nosos profesionais do sector non quixeron deixar pasar
a oportunidade para facer un chamamento a prol de cousas como
garantir o dereito á información e o acceso universal ao
coñecemento. Nesta liña inseríronse os nosos CPEIG
(Colexio Profesional de Enxeñaría e Informática de Galicia) e
CPETIG (Colexio
Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia), que
xunto coa FEGAMP subscribiron a
Declaración de Principios para Construír a Sociedade da
Información, asinada en Xenebra (Suíza) en decembro de 2003, na
primeira parte do Cumio Mundial sobre a Sociedade da Información.
Segundo informan os nosos colexios, as entidades
locais que o desexen poden adherirse xa a esta declaración, que en
liñas xerais, defende que o desenvolvemento da Sociedade da
Información se centre no respecto ás persoas e na defensa dos
dereitos e liberdades básicas, en diminuír a fenda dixital para
evitar a exclusión ou marxinación dos individuos, en desenvolver
todas as potencialidades das novas Tecnoloxías da Información e da
Comunicación (TIC) e en potenciar e difundir o uso do galego. A
FEGAMP, ao fío do devandito, xa
habilitou na súa web o texto íntegro e o modelo de adhesión da
devandita declaración.
Segundo engade o CPETIG, a intención deste peche de
fileiras das tres devanditas institucións galegas arredor do
manifesto non é outro que impulsar a defensa dos dereitos humanos, a
democracia, a igualdade soberana de todos os estados, o bo goberno e
o reforzo do imperio da Lei, tanto no plano nacional, como
internacional. E continúan: “O fundamento da Sociedade da
Información non pode ser outro que a liberdade de expresión e de
opinión, incluído o dereito a investigar, a non ser discriminado
por causa de opinións, a recibir información e opinións, e o
dereito a difundilas a través de calquera medio de expresión, sen
limitación de fronteiras”.
As entidades galegas, como dixemos, tamén quixeron
facer un chamamento a prol da nosa lingua, sendo as redes, ao seu
xuízo, unha palestra óptima para garantirlle futuro: “En data tan
sinalada como este 17 de maio, Día das Letras Galegas e de Internet,
consideramos esencial potenciar o emprego da lingua galega nas novas
ferramentas que vai creando esa Sociedade da Información (uso dos
dominios .gal, uso do idioma nas redes sociais e páxinas web,
creación de novos aparellos e instrumentos telemáticos no noso
idioma…), como elementos decisivos para a conservación e
desenvolvemento futuro do galego na sociedade”.
Asinaron o manifesto José Manuel Rey Varela
(Presidente da FEGAMP), Fernando Suárez Lorenzo (Presidente do
CPEIG) e Marcos Mata Mansilla (Presidente do CPETIG).
Ningún comentario:
Publicar un comentario