Mentres a crise económica e financeira afonda aínda máis nas incongruencias do mundo urbano; no noso rural ábrese unha crise moito máis profunda que ten por referencia a discriminación na súa máis ampla extensión.
Adios, ríos, adios, fontes
Cando este ano se cumpre o 150 aniversario
destas verbas de Rosalía de Castro, máis preto estamos de perder o que
nos queda do noso rural. Sen estratexias, sen perspectivas e sen folla
de ruta, o rural vai quedando nun segundo plano que se difumina no
hourizonte
Segundo Edelmiro López os problemas do noso rural resúmense nos seguintes puntos: o demográfico, a baixa produtividade das explotacións e a volatilidade dos prezos; a falta de desenvolvemento dunha industria agroalimentaria forte; a continuidade dun balance agroalimentario deficitario; e, por engadido, o problema da terra.
Así, en tanto nunha análise centro/periferia o
mundo urbano (centro) ten que acometer propostas ligadas ao
decrecemento, o rural (periferia) ten que apostar por medidas que
concentren os esforzos en loitar contra a expulsión da terra. Polo
tanto, o reequilibrio do noso territorio pasa por redistribución de
recursos entre os territorios de riqueza económica (zona urbana e
costeira) cos territorios que presentan unha riqueza ambiental (zona
interior e rural). Este feito pasa por que o goberno teña claro
mecanismos para poder facer as compensacións necesarias para chegar a
ese equilibrio necesario para o noso país.
A proposta da xustiza territorial
En apenas cen anos, a humanidade consumiu
máis enerxía que todas as xeracións precedentes e apropiouse do 40% da
biomasa do planeta. Segundo diferentes cálculos, á Terra hoxe
custaríalle ao redor de 1,3 anos reproducir os recursos que a sociedade,
principalmente as poboacións enriquecidas, consome ao longo de un ano.
Neste punto indicar que un 20% da poboación mundial consome o 80% dos
recursos, tendo pola contra, máis de 1.200 millóns de persoas que viven
con menos de un euro ao día. Este crecemento ilimitado que o Capitalismo
Global nos vende, sen ter en conta que os recursos son limitados, está a
provocar unha dobre fractura: por un lado a perda de recursos e por outra o seu reparto inxusto e desequilibrado.
Desde o ámbito social a torta dos recursos
cada vez está máis desequilibrada no seu reparto. Así, acontece que os
225 habitantes máis ricos do planeta teñen a mesma renda anual que a
metade da poboación mundial. Se amais poñemos os datos no ámbito do
mercado, o 40% do mercado mundial está dominado unicamente
por 325 empresas (paradoxas da teoría económica liberal imperante que
non se cansa de repetir das bondades da liberdade do mercado para
favorecer a competitividade, e nunca en termos históricos asistimos a
tal cantidade de oligopolios nos distintos sectores).
Baixo esta perspectiva, as persoas que
traballan no rural, precisan unha retribución digna polo seu traballo, a
través de políticas agrarias e de desenvolvemento rural que corten a
especulación e establezan regulacións públicas efectivas. Amais debemos
centrarnos en producións especializadas e con valor engadido e menos nas
producións estandarizadas, apostando polo apoio ás denominacións de
orixe ou ás marcas galegas recoñecidas e de calidade.
Vacinas contra a exclusión
Na actualidade, a gran crise do rural é a da exclusión do sistema (expulsión),
que comporta o abandono da xestión da terra e con elo a desaparición do
capital humano, peza clave para que o territorio sega vivo. En
1950, o 70% da poboación activa galega traballaba no agro; hoxe supón
tan só o 5,5%. O traballo é duro e os atrancos moitos nun país que pasou
de ser eminentemente rural a situarse na media da UE en canto á
actividade agrícola. Pero hai moita leira por tripar. Na mesma
liña, entre os anos 1991 e 2001 a poboación activa agraria descendeu un
55%, feito que é paralelo á continua baixada no número de explotacións
agrarias que descenden sen parar desde o ano 1962 no que contabamos con
433.000 explotacións ata as 270.000 de principios do século XXI.
Parte da nosa sociedade considera que a
exclusión do rural forma parte do progreso e da modernidade dos tempos.
Moito máis aló desta visión, o abandono da terra ten consecuencias ambientais, paisaxísticas, culturais e económicas.
Temos que tomar medidas antes de que esta situación sexa irreversible e
non teña marcha atrás. As medidas teñen que ter carácter preventivo e
anticiparse á evolución dos tempos, e nesta liña son fundamentais
accións encamiñadas á comunicación proactiva entre poboacións que
favorezan o desenvolvemento local.
Polo tanto, a gran vacina contra a expulsión é
a vertebración social e territorial do noso rural, todo o contrario do
que nos ofrecen os actuais gobernos. O enorme potencial do rural
en Galicia sitúao na actual crise económica ante unha oportunidade
única para revalorizarse como opción laboral e, sobre todo, para se
converter nun dos alicerces do desenvolvemento económico do país nos
vindeiros anos. Para deter a sangría demográfica do rural o traballo non
é o único elemento clave, con máis urxencia precísase do mesmo acceso
aos servizos e á calidade de vida que noutras zonas. Todo o contrario
que o que se está a facer actualmente.
En definitiva para saír
da exclusión, temos que deixar de facer o mesmo e tentar de poñer en
marcha outras cousas. Entre esas medidas están a aposta polo rural en
primeira persoa, como activo vivo e de futuro do noso territorio.
Troquemos esta situación de dificultade nunha verdadeira oportunidade
para o noso país.
Ningún comentario:
Publicar un comentario