Os últimos datos do
Instituto Nacional de Estatística (INE) amosan unha porcentaxe de
poboación galega con conexión a Internet de banda larga que se
achega ao 70%. Ou sexa, que sete de cada dez fogares teñen o
devandito servizo contratado, o que supón un incremento do 50% con
respecto ao período 2010-2014. Así
o reflectía a semana pasada a Axencia para a Modernización
Tecnolóxica Galega (AMTEGA), que engadía que as anteriores
cifras sitúan á nosa terra a catro puntos da media estatal.
No informe tamén se
fan saber datos relevantes sobre o tipo de conexión e como foron
mudando os nosos hábitos para accedermos á Sociedade do Coñecemento
ao longo do último lustro. Así, a día de hoxe, un 82,9% accede a
través de dispositivos móbiles, “1,2 puntos máis cá media
estatal”, explica a axencia, que engade que a conexión a Internet
a través de rede por cable ou fibra óptica sitúase nun 26,8%, 5,9
puntos máis que a media estatal (20,9%).
No que atinxe ao tamaño
do hábitat, o organismo que dirixe Mar Pereira sinala que nos
concellos con poboación de 20.000 a 50.000 habitantes, a media
galega supera á estatal nos tres indicadores principais (vivendas
con ordenador, con acceso a Internet e con banda larga). Así, a taxa
de vivendas con ordenador acada case o 80%.
No
informe A mocidade e as TIC do O Observatorio da
Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA)
constátase tamén que a convivencia con nenos “inflúe
positivamente” na contratación e uso de internet. Deste xeito,
indícase, o 83,2% dos fogares galegos con rapaces de 3 a 16 anos
dispón de servizo de Internet de banda larga, fronte ao 59,8% dos
domicilios sen nenos. Segundo apunta AMTEGA, unha das conclusións
máis salientábeis do estudo do INE é que por vez primeira Galicia
supera a media estatal no uso de ordenador e de Internet no grupo de
idade de 16 a 44 anos, que acada o 91%.
Polo que atinxe aos
usos dos servizos de Internet, o 87,3% dos internautas galegos le ou
descarga xornais ou revistas en liña, case 10 puntos porcentuais por
riba da media estatal. Un 65,3% dos usuarios de Internet da nosa
terra participa en redes sociais. Tamén é digno de mención o
incremento no uso de servizos como a solicitude da cita médica a
través da páxina web (case 14 puntos máis cá media estatal).
Ningún comentario:
Publicar un comentario