A empresa española
Reticare vén de achegar
estudo sobre o nivel de protección ocular que adoptan os nosos
escolares no seu emprego diario de aparellos tecnolóxicos. O
informe, que vén moi a conto por tratarse esta época do ano da
tempada de exames por excelencia (úsanse máis aparellos e, polo
tanto, as medidas de seguridade deberan ser máis e mellores), tivo
en conta o emprego de cousas como computadores coas súas pantallas,
tabletas e teléfonos intelixentes, tanto no que se refire ao seu uso
na casa como na escola. No estudo dise que España é un dos países
europeos onde menos medidas se poñen en práctica para protexer a
visión das rapazas e rapaces. No que atinxe a Galicia, de 391.525
alumnos non universitarios, menos de 4.800 estarían protexidos.
Ou sexa, que só o 0,4%
dos alumnos galegos por centro escolar “dispoñen da axeitada
protección visual, que debe vir da man das autoridades docentes e
dos propios centros escolares”, explican os autores da
investigación. Segundo concreta Nilo García, director xeral de
Reticare, “sorprende que só o 0,4% dos pais protexa aos seus
fillos dun risco tan importante para o seu desenvolvemento futuro,
cando máis do 90% dos vehículos están equipados con sistemas
axeitados para o uso por nenos”.
Reticare tamén reflicte
un estudo de TNS Demoscopia onde se di que os nosos adolescentes
adican unha hora e media a estudar. En troques, pasan catro horas ao
día diante dunha pantalla, xa sexa de computador, consola ou móbil.
“Todo este tempo diante da pantalla”, explica a empresa, “supón
un desgaste da súa capacidade de visión e fai que a tensión visual
aumente porque as medidas para protexer os seus ollos son de xeito
evidente insuficientes”. A xuízo dos autores desta investigación,
as novas pantallas LED de dispositivos como smartphones,
tabletas e computadores teñen, en contra do que se adoita
considerar, a súa parte prexudicial. De feito, engádese, “poden
emitir un 500% máis luz de onda curta cás anteriores”, segundo
estudos realizados pola Universidade Complutense de Madrid (UCM).
Ningún comentario:
Publicar un comentario