luns, 18 de maio de 2015

Miles claman en galego este 17M

Miles de persoas en todo o país marcharon nas convocatorias de Queremos Galego para reivindicar a vixencia do idioma neste Día das Letras Galegas. Feijóo foi declarado por aclamación inimigo do galego. [Vídeo no interior de GZVideos]

O presente do galego como mellor garantía de futuro. Baixo este lema marcharon miles de persoas nas sete cidades galegas e Ribadeo este Día das Letras Galegas. Unha xornada festiva mais de reivindicación ante os ataques e desleixo institucional que sofre a nosa lingua.
As manifestacións máis numerosas foron en Santiago de Compostela e Vigo, onde 2.500 persoas sumáronse ao chamado da plataforma pola defensa do galego, segundo cifras facilitadas pola propia organización. 
O berro pola vixencia do idioma escoitouse con forza tamén en Pontevedra, A Coruña, Lugo, Ferrol, Ourense e Ribadeo. Marchas nas que quedou patente que o galego ten futuro. Xentes de todas as idades corearon "Nas aulas da Galiza, queremos galego" e "por ti, por min, o galego non ten fin" contra as políticas galegófobas do partido no poder.
Así o manifestou o presidente da Mesa pola Normalización LingüísticaMarcos Maceira, que deu lectura do manifesto unitario da convocatoria en Compostela, onde tamén estivo o candidato de Compostela Aberta, Martiño Noriega. “Renegar da lingua de Galiza é renegar do país, que ir contra ela, como está a facer desde que chegou, é ir contra Galiza e pór en perigo o seu futuro”, aseverou Maceiras ante unha praza de Praterías ateigada de xente.
Na mesma liña pronunciouse o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, acompañado da candidatura nacionalista en Vigo. “Vemos en campaña un Feijóo que fai uso sistemático do español para dirixirse aos galegos e galegos, desprezando o idioma do país como nunca ten feito antes ningún presidente da Xunta”, criticou. 
Vence interpelou directamente a Feijóo para lembrarlle que incumpre a “obriga” de promover a lingua propia que recolle o Estatuto de Autonomía. Por ese motivo, os centos de persoas presentes na marcha realizaron unha votación simbólica onde declararon por aclamación o presidente da Xunta como inimigo da lingua galega. 


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario