Os
estudios galegos MeigaLabs,
dos que falamos
recentemente para dar conta da súa achega Time Pirates (o
seu primeiro xogo para Android), volven á carga para pór á nosa
disposición un xogo moi acaido para estas datas de campaña
electoral, unha campaña que volve pór de manifesto, coas múltiples
e variadas mentiras e disparates dos alcaldábeis, o moito que cómpre
mellorar no ámbito das políticas estatal e galega. O xogo en
cuestión tamén vai por este vieiro de amosar o que fica oculto (ou
ficaba até o de agora), xa dende o título co que se presenta no
mercado: Alcalde
Corrupto (baseado en feitos reais). Constitúe
a segunda proposta de lecer tecnolóxico da nova empresa galega.
"Trátase",
comenta Xabier Losada dende MeigaLabs, "dun xogo de tipo clicker no que
encarnaremos un rexidor corrupto, sendo o noso obxectivo principal
amosar unha fortuna para a nosa conta de Suíza". Poderémolo
facer recollendo billetes (cantos máis mellor, claro) ou realizando
contratos non moi legais (enchufando parentes, sendo un cacique en
toda regra) e tomando "unha gran variedade de decisións".
Todas elas, como é de agardar, sempre en beneficio de un mesmo.
Amais
do devandito, tamén podemos meternos na pel dun político corrupto
para facer cousas como irnos de vacacións (intercambio cultural e de
coñecemento) con narcotraficantes, mover marcos das fincas ou sacar
extractos da nosa conta en Suíza para compartir e gabarnos da
cantidade acubillada.
O
xogo achégase para a plataforma Android, é de balde e en
vindeiras datas MeigaLabs porá tamén a disposición dos usuarios de
trebellos de Apple unha versión iOS.
Ningún comentario:
Publicar un comentario