A fenda dixital de xénero mantén ás mulleres en niveis de uso das TIC moi por baixo dos homes e da media estatal.
As Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) semellan ser
terreo alleo para as mulleres galegas maiores de 65 anos. O uso de
ordenadores, Internet, teléfonos móbiles ou o do comercio electrónico
ocupan un espazo moi reducido entre este colectivo. Os datos revelan
unha
alarmante fenda dixital de xénero en Galicia—é
dicir, a diferenza de porcentaxes entre sexos respecto ós principais
indicadores de uso de TIC— e unha fenda dixital xeográfica co resto de
España.

Os datos ofrecidos polo
Instituto Galego de Estatística —tomados da
Enquisa sobre equipamento e uso de tecnoloxías da información e comunicación nos fogares, do
Intituto Nacional de Estadística (INE)— son desalentadores, malia os esforzos que se están a facer desde os
Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica,
dependentes da Xunta, con case un cento de aulas repartidas por todo o
territorio galego, ademais dos programas desenvolvidos por deputacións e
concellos. Tanto no uso de ordenadores, Internet e dispositivos
móbiles, como no acceso ao comercio electrónico, as galegas entre 65 e
74 anos amosan un perfil moi baixo, con porcentaxes moi inferiores ás
dos homes galegos e moi afastadas da media estatal.

En xeral, en España
o uso que fan as mulleres das TIC é significativamente menor que o dos homes,
exceptuando o caso dos móbiles, onde é parello, agás en Galicia. Os
resultados indican que o teléfono móbil é o máis usado por este grupo de
persoas en todo o estado, sendo os homes galegos de 65 a 74 anos os que
máis destacan no uso destes trebellos, con porcentaxes lixeiramente
superiores á media; porén, a diferenza do que sucede no resto de España,
en Galicia se mantén a fenda de xénero no acceso a estes dispositivos.

Pola
contra, o comercio electrónico aínda ten moi poucos seguidores entre as
persoas maiores, sendo practicamente nulo entre as galegas, dato que
contrasta co dos homes, cuxa actividade no eCommerce sobresae por riba
da media estatal.

Só
no uso do ordenador as nosas maiores están nunha situación case
de igualdade coas súas semellantes doutras autonomías, pero tamén aquí,
como no resto de apartados, se sitúan lonxe das porcentaxes acadadas por
eles.
No caso de Internet, obsérvase que a súa penetración entre o
colectivo de persoas maiores en Galicia é moi inferior á do resto de
España, en xeral, sendo especialmente baixa, de novo, entre as mulleres.
Ningún comentario:
Publicar un comentario