Concertos, palestras, un mosaico polo idioma, unha bicicletada pola lingua... son algunhas das actividades que decorrerán en Compostela o 15 e 16 deste mes organizadas por varios colectivos sociais e lingüísticos.
Xa é unha cita agardada ás portas do 17 de maio, Día das Letras Galegas. É a ‘festa do dazassete’, que malia o nome, xa é unha tradición que caia nunha data diferente. Desta volta será o 15 e 16 de maio, sexta feira e sábado, nas vésperas do 17 e, como non, en Compostela, o seu emprazamento habitual desde que esta iniciativa xurdiu.O programa de actividades comeza a sexta ás 20:00 horas, cunha mesa redonda na Praza do Pan (Cervantes) sobre os 5 anos da editora através, que naceu coa vocación de “ ultrapassar a fronteira política, e muitas vezes mental, que quer separar a Galiza do resto da Lusofonía”. Sobre as 21:30, e no Centro Social Escarnio e Maldizer (Algalia) decorrerá unha cea e concertos.
A xornada seguinte comezará ás 11:00 horas cunha bicicletada a prol da lingua que partirá da Alameda compostelá. Hora e media despois (12:30) realizarase na Praza da Quintana un mosaico polo idioma. A seguinte cita será no Pichel, cunha sesión vermú amenizado por DJ e un xantar popular cunha sobremesa de cantos de taberna. Ás 18:00 horas na Praza do Pan terá lugar unha foliada. E xa pola noite, e de volta no Pichel, concerto con The Tetas Van e Nao. Porá o ramo unha pinchada de Peoxe Gordo’ Aka de Marcos Paino.
As actividades están organizadas pola Gentalha do Pichel, Agal, CSA Sar, Itaca, Semente e CS Escarnio e Maldizer.
Ningún comentario:
Publicar un comentario