O PSdeG denuncia a situación "aterradora" da lingua propia de Galicia no ámbito xudicial, xa que "practicamente non existe".
Na proposición, os socialistas demandan á Xunta aplicar modelos como o do xulgado da Fonsagrada que realiza a súa actividade en galego dende 1990, ao tempo que demanda que todos os letrados do Goberno autonómico usen a lingua propia de Galicia en todos os seus procedementos e os órganos xurisdicionais diten sentenzas nesta lingua.
O obxectivo desta medida, segundo expuxo Patricia Vilán (PSdeG), é dar "visibilidade" á lingua galega na Xustiza, pois "practicamente non existe". Así, puxo en valor o traballo da Irmandade Xurídica Galega ou do maxistrado con máis sentenzas en galego, José Juan Barreiro Prado, que contrapuxo coa "falta de vontade" da Xunta, xa que "non" hai apoio" ao idioma.
De feito, Vilán acusa de desleixo á Xunta e pon como mostra que non hai "ningún dato oficial medianamente actualizado" do uso do galego na Xustiza, pois as últimas cifras datan de 2009, co bipartito, onde se reflectía que só o 3,5% das sentenzas estaban redactadas en galego e o 96,5% en castelán.
Tras remarcar que os interesados nos preitos teñen dereito a ler as sentenzas en galego, sinala que as sentenzas dos xulgados de primeira instancia escasamente chegan ao 5% dos casos, mentres que nas audiencias provinciais non hai case ningunha, con excepcións como o da sección segunda de Pontevedra.
Ademais, Patricia Vilán lamenta que se dan multitude de casos nos que cidadáns que falan en galego habitualmente cambian "de xeito automático" a castelán en xuízos, "porque teñen medo a que non os entendan".
"Apartheid" ao galego
Pola súa banda, Ana Pontón (BNG) denunciou o "apartheid" do galego na Xustiza, mentres o PP "defende como normal que o galego estea excluído". Ao respecto, avisou de que as linguas non son "elementos decorativos", senón que hai que rematar co atraso que "vén" dende hai cinco séculos.
Unha cuestión que achaca ao poder xudicial "fortemente centralista" en España, mentres aos populares lles parece normal que para exercer a Xustiza en Galicia non haxa que saber galego" e que sexa tratada como "unha lingua estranxeira". Ademais, critica que nin se cumpran os "mínimos" de que letrados que exercen en nome da Xunta usen o galego.
A este respecto, Xabier Ron (AGE) cargou contra o contexto de "regresión" do galego na Xustiza, ao tempo que censurou que o chamado bilingüismo harmónico "é unha falacia científica", posto que vivir cotiamente" en galego "non pódese facer", senón que só hai unha substitución da lingua "dominada pola dominante".
Así mesmo, Carmen Iglesias (Grupo Mixto) censurou que "todo ou case todo se está a redactar en castelán" na Xustiza galega, polo que cre que ante unha situación "tráxica", ao seu parecer, "conveñen medidas radicais".
Postura do PPdeG
Agustín Baamonde (PPdeG) comezou a súa intervención riscando de "infiel" a Patricia Vilán por rematar coa "maridaxe de subordinación" en temas de lingua do PSdeG respecto ao BNG, para proseguir sinalando que as sentenzas en éuscaro no País Vasco "son anecdóticas" e en Cataluña representan o "12% ".
Por iso, cre que pode haber dúas posturas sobre o galego na Xustiza: apostar por unha postura de "fractura e maximalismo" pola que "opta o nacionalismo" ou "o equilibrio no uso das linguas".
Aínda que dixo que os populares comparten "o fondo" da proposta, como o traballo da Irmandade Xurídica Galega e se mostrou partidario da implicación dos letrados da Xunta para exercer en galego, cre "distinto" establecer que as sentenzas se diten en galego, pois as autoridades xudiciais "non" teñen a obriga" de facelo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario