DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015.
Alguén podería pensar, a priori, que nunca menos cousas houbo que celebrar nun 17 de maio como este ano.
Por unha banda, o persoeiro elixido pola Academia Galega, Xosé Filgueira
Valverde, ao lado dunha indiscutíbel e inxente obra investigadora e
divulgativa da cultura de noso que non debe ignorarse, presenta na súa
traxectoria determinados feitos políticos e compromisos públicos
difíciles de xustificar e que non contribúen, precisamente, a que
floreza en moitos segmentos da sociedade ese sentimento de homenaxe
querendosa e revindicativa que ten acompañado tantas outras veces a
celebración da efeméride.
Por outra, a recente difusión dos resultados da enquisa ás familias do
INE 2013 ten servido de badalada anunciadora da triste constatación de
que o galego segue indo en constante devalo e de que non semella moi
afastado o día en que poida converterse, por primeira vez na súa xa
milenaria historia, en lingua minoritaria no seu propio territorio.
Aínda a isto cabería engadir a teimuda persistencia do Partido Popular,
do goberno de Núñez Feijóo e da Consellería de Cultura e Educación,
mesmo que se producise relevo á súa fronte, na aplicación dunha política
lingüística verdadeiramente hostil cara ao uso normalizado da lingua
propia. Esa política, plasmada no ámbito do ensino no mal chamado
“Decreto de Plurilingüismo”, minoriza á mantenta o galego nun dos
espazos que máis repercusión positiva podería ter para a capacitación
idiomática do alumnado e para o desterramento de prexuízos seculares nas
pautas habituais de uso. Esa mesma política recorta continuamente,
ademais, medios e liñas de axuda para o sector cultural do país no seu
conxunto, onde a lingua de noso florece a pesar de todos os pesares con
forza e talento: audiovisual, música, teatro, literatura, bibliotecas,
traducións, prensa monolingüe...
Tampouco no campo das entidades que loitan honestamente pola
normalización se observa nin a necesaria vontade de revisión autocrítica
das fórmulas e estratexias implementadas nos últimos tempos, que cando
menos poden ser tildadas como “francamente mellorábeis”, nin se abesulla
no curto prazo unha dinámica que permita anovar discursos, explorar
outro tipo de accións e mobilizacións normalizadoras e que acometa, en
fin, a cada día máis urxente e peremptoria “despartidización” que a
causa da lingua necesita para adquirir unha transversalidade social real
e eficaz.
E con todo, para o STEG o 17 de maio sempre estará sinalado no
calendario con letra maiúscula como día festivo, isto é, como data para
celebrar con todo o entusiasmo, por máis mouro que poida estar
aparentemente o horizonte. Desta volta poñeremos o noso gran de area
cunha festa que celebraremos o sábado 16, a partir das 18.30 horas, no
local da compañía Hipócrita Teatro en Lugo (Rúa Becerreá, nº 2), con
números de poesía, teatro, contacontos, globoflexia e música para todos
os públicos e á que convidamos cordialmente a toda persoa amiga que ata
alí queira achegarse.
Día das Letras Galegas 2015. Día de combater desánimos. Día de sementar
esperanzas. Día de promover e compartir con canta máis xente se poida
todo tipo de actividades coa lingua de noso como pretexto divertido e
como bandeira de unión. Día de reivindicar dereitos esenciais que nos
pertencen como persoas e como pobo. Día, en fin, para tornar aínda máis
visíbel e presumir con lexítimo orgullo desta xoia colectiva tan
preciosa que temos, labrada por innúmeras xeracións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario