Ante a preocupante situación da adquisición, socialización e uso do
galego nas idades máis temperás, doce concellos queren mellorar as
cousas a través dun proxecto con ese nome, Apego, que é unha aventura
conxunta de amor, arraigo, lingua, orgullo, identidade... Son A Baña,
Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra,
Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo.
O pasado 23 de
marzo asinaron en Compostela a colaboración para comezar a desenvolver o
proxecto, e hoxe en día varios deles xa presentan a súa posta en
marcha, mentres que o resto o irá presentando nas vindeiras semanas.
Co proxecto Apego quérese implicar as familias na valoración positiva
da lingua propia. Para isto as súas diferentes fases axudarán a tecer
redes de apoio para a transmisión do galego como idioma de relación,
descuberta do mundo e identificación coa familia e coas raíces, co
propio. Así, os obxectivos do programa Apego son, por unha banda,
incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como
lingua inicial e, por outra, promover que o usen de maneira habitual e
que teñan espazos, situacións e recursos para facelo, polo que incluirá
accións dirixidas ao ámbito familiar e social dos meniños ata os seis
anos e cun método de continuidade que se irá enriquecendo en rede, coa
colaboración de todos.
CAMPAÑA DE DIFUSIÓN, CAIXA DE BENVIDA, MATERIAIS DE APOIO, ESPAZO WEB E ACTIVIDADES
O desenvolvemento práctico do Apego en cada concello contempla diversas
fases e accións, como unha campaña para difundir o proxecto e as súas
mensaxes, unha caixa de benvida con materiais para os nenos en galego,
música para os primeiros anos, un espazo web e actividades para a
socialización na lingua propia.
Campaña para difundir o proxecto e as súas mensaxes
Para socializar o proxecto e as súas mensaxe difundirase a imaxe da
campaña e distribuiranse folletos informativos e carteis coa imaxe do
Apego, principalmente en centros de saúde, servizos de pediatría,
establecementos dedicados a produtos relacionados co embarazo e os
nenos, asociacións de apoio aos nenos ou adopción, centros maternais,
etc.
Caixa de benvida con materiais para os nenos en galego
A acción de arranque do proxecto é a entrega dunha caixa de benvida ás
familias que agardan un bebé con materiais para achegar argumentos e
materiais de axuda para a transmisión do galego, apoio ao neno, etc.
Esta caixa entregaráselles ás familias que van ter un neno ou nena (ben
por embarazo, ben por adopción) e que estean empadroadas nalgún dos
concellos participantes. Contén os seguintes materiais:
• Un boneco-manta apego:
trátase dun boneco mantiña suave, símbolo da campaña, que personifica o
polbiño PO, imaxe e mascota do Apego, que se converterá no vínculo
permanente coa familia e que acompañará o bebé nos seus primeiros meses
ou anos. O polbiño PO pasou todos os controis de calidade e ten os
certificados de uso axeitados.
• Un libro: guía
para pais e nais que inclúe razóns para a transmisión da lingua;
propostas de nomes en galego e argumentos para elixilos; recomendacións
para o inicio da crianza, lactación, sono, descanso, alimentación, etc.;
arrolos, recitacións e xogos de dedos; palabras para medrar; etc.
• Un álbum de recordos e primeiras experiencias:
para gardar as lembranzas máis importantes, divertidas e especiais do
primeiro ano de vida do bebé: a primeira ecografía, a música que soaba
ou que había na tele e no cine o día que naceu o bebé, o primeiro riso, o
prezo do pan, a primeira obra de arte, etc.
• Un medidor: para ir seguindo o crecemento do bebé nos primeiros anos.
• Un adhesivo para o coche: para que o resto de xente que anda pola estrada ou rúa teña sentidiño.
Música en galego para os primeiros anos
Unha vez que naza o bebe, ás familias que recolleron a caixa
entregaráselles tamén un disco cunha compilación de dez cancións de
música infantil en galego de grupos e estilos diversos: María Fumaça,
Mamá Cabra, Uxía, Olga Brañas, As Maimiñas, Pablo Díaz, Os Tres
TENedORES, Susa Herrera e Pirilampo. O CD está producido pola Editorial
Galaxia.
Espazo web para o Apego
Disponse
dun espazo para a información e intercambio de recursos de axuda,
culturais, educativos e formativos, para crear rede coas familias para
que vaian coñecendo as accións e actividades, para o apoio ao neno, etc.
O seu enderezo é www.apego.gal.
Máis información no web da CTNL.
Ningún comentario:
Publicar un comentario