martes, 26 de maio de 2015

A Universidade destina 10.000 euros para fomentar a investigación en lingua galega

Convocatoria de axudas para a realización de teses, traballos de investigación, fin de grao, mestrado e carreira.

 Os Estatutos da Universidade recollen o seu compromiso coa lingua galega e o deber de promover o seu uso en actividades docentes, investigadoras, administrativas e de servizos. Precisamente, unha das ferramentas para incentivar o seu uso nun dos eidos no que a súa presenza é aínda escasa son as axudas á investigación en lingua galega que dende hai uns anos tamén cobre os traballos de fin de grao e mestrado. Segundo explica o director da Área de Normalización Lingüística, Paulo Cabral “o ano pasado beneficiáronse destas axudas 142 persoas e nos últimos anos a demanda incrementouse moito debido aos cambios nos plans de estudos”. Así, por exemplo, en catro anos pasouse de 40 solicitudes no ano 2010 ás 142 do curso pasado.

As axudas están destinadas ao alumnado de calquera titulación, agás os estudantes de Filoloxía Galega, os de Grao de Estudos de Galego e Español e os de Tradución e Interpretación que teñan como lingua A o galego, “dada a natureza dos seus estudos e o seu compromiso lingüístico”, como se recolle no texto da convocatoria. Segundo apunta Paulo Cabral, “recibimos moitas solicitudes das facultades de Ciencias da Educación de Ourense e Pontevedra, aínda que tampouco está nada mal as 29 solicitudes que recibimos das distintas enxeñarías”. O alumnado solicitante destas axudas deberá redactar e defender en lingua galega a súa tese de doutoramento, licenciatura, o traballo de investigación tutelado de 3º ciclo, o traballo fin de mestrado, o traballo fin de grao ou do proxecto de fin de carreira, antes do día 30 de setembro, data límite de recepción de solicitudes. Porén, tamén se poderán presentar aqueles traballos presentados nos meses de outubro, novembro e decembro, que non fosen incluídos na anterior resolución.

Ademais das axudas económicas, a Área de Normalización Lingüística ofrece tamén apoio lingüístico para elaborar os proxectos en lingua galega. Este apoio concrétase por unha banda no servizo de consulta lingüística e terminolóxica e, por outra, na axuda a aqueles estudantes que xa comezasen a redacción do traballo noutra lingua diferente do galego, traducindo ata un máximo de 20 folios.


Contías das axudas e prazos

As contías das axudas varían entre os 600 euros para as teses de doutoramento, 150 euros para as teses de licenciatura e os traballos de investigación tutelados de 3º ciclo e os 100 euros para os traballos de fin de mestrado, fin de grao e fin de carreira. O conxunto de bolsas terá un orzamento global de 10.000 euros, dos cales 5000 achégaos a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do convenio de colaboración en materia de normalización lingüística que asina anualmente coa Universidade de Vigo. Esta contía supón un incremento con respecto de anteriores convocatorias, debido a que a converxencia co Espazo Europeo de Educación propiciou un aumento da demanda para a realización de traballos ao final de cada etapa.

Os traballos poden presentarse en calquera dos rexistros da Universidade de Vigo ata o vindeiro 30 de setembro, sempre con posterioridade á lectura e defensa dos mesmos. A resolución darase a coñecer no prazo dun mes a partir desa data.

Ningún comentario:

Publicar un comentario