Os asistentes ao evento coñecerán, da man de destacados expertos na materia, novas competencias e habilidades profesionais que se están a demandar no mercado laboral actual. Os relatores exporán as características e requisitos do seu labor e perfil profesional, tanto de xeito individual como nun debate conxunto e aberto ao público, que porá o peche a esta segunda xornada de 1 mes, 1 profesión dixital.
O Salón 2 do Edificio CINC acollerá de 17:00 a 20:00 horas o encontro, de inscrición libre e gratuíta, estando xa aberta a súa inscrición vía web, aínda que tamén poderá seguirse a través de streaming dende a súa páxina web.
Programa e os relatores
Tras a benvida institucional, a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, o co fundador e director xeral de Teimas Desenvolvemento, Miguel Varela, abrirá as intervencións co relatorio Faite experto en xestión de residuos e gamificación. Teimas é unha empresa de desenvolvemento software orientada a produto, que centra a súa actividade no sector ambiental. Entre os seus traballos destaca o software para a xestión de residuos Teixo.A continuación, Francisco Alfonso Domínguez falará das claves para ser experto en xeración de contidos dixitais a través da súa experiencia como Project Management en Imaxina. Esta firma pioneira na creación de libros de texto dixitais desenvolveu traballos que foron postos como exemplo a nivel mundial por Apple.
Pola súa banda, o xefe de Escola HT A.T0.049 do Real Aeroclube de Santiago, Claudio Guridi, compartirá a súa experiencia na xeración de contidos a través de avións non tripulados ou drons. Guridi é piloto comercial e instrutor con preto de 1.500 horas de voo, das que 800 son como instrutor. Posúe a Habilitación de Tipo como piloto de Boeing-737.
Luz Castro, directora da área In Gaming da empresa Imaxin Software, será a encargada de afondar na adaptación de contidos. O seu labor céntrase no desenvolvemento de xogos interactivos e produtos multimedia.
Finalmente, Esteban Vázquez, socio de Tesla Technologies abordará o perfil profesional dun experto na elaboración de xogos interactivos. Testa é unha empresa especializada en videoxogos e interactivos. Deseña e programa interactivos multiplataforma e acumula unha ampla experiencia en interactivos HTML5-CSS3_Canvas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario