A USC abriu o prazo da novena convocatoria
do certame que premia a calidade lingüística dos traballos académicos,
dos proxectos de fin de carreira (PFC) ou traballos de fin de grao (TFG)
e mais dos traballos fin de mestrado (TFM) redactados en galego neste
curso académico 2014-2015.
A presentación axeitada dun documento
dende o punto de vista formal –calidade na redacción, boa estruturación
da información, claridade e cohesión, correcto deseño e corrección
lingüística e terminolóxica– é unha habilidade comunicativa que todo
universitario debe posuír, e que neste concurso se liga á utilización da
lingua galega.
Concederanse cinco premios, un por cada grande
área de coñecemento (Ciencias da Saúde, Ciencias, Ciencias Sociais e
Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura, Humanidades), en cada unha das tres
modalidades: nos traballos académicos de curso gañaranse 150 euros; 300
nos TFG e PFC e 400 no TFM. Ademais, os gañadores e gañadoras recibirán
un diploma para o seu currículo.
No web dos Premios á Calidade
Lingüística, ademais das bases e de información específica, o alumnado
poderá atopar recursos de apoio para mellorar a calidade dos seus
traballos, como léxicos e vocabularios, recomendacións de estilo
académico ou a base de datos terminolóxica multilingüe bUSCatermos, con
máis de 160.000 entradas, así como un modelo de documento de TFG e TFM.
Información tirada do xornal da USC.
Ningún comentario:
Publicar un comentario