Sindicatos e anpas cifran o seguimento do boicot en entre un 50% e un 60%; a Xunta fala dun 20%Así o asegurou o STEG, primeiro sindicato que lanzou o boicot, que fala dun 50% de absentismo e de "éxito" e de "paralización de facto" dunha reválida que foi rexeitada por familias, profesorado e centrais sindicais, que colaboraron xuntos para intentar que "non tivese os efectos dañinos para os que foi deseñada". "A teimosía da administración, insistindo en continuar adiante coa proba, bateu frontalmente coa postura dunha comunidade educativa que rexeita a reválida por motivos moi diversos", explica o STEG, "entre eles por entrar en contradicción co método de avaliación continua e global, por supoñer un estrés innecesario e contraproducente a alumnado de 8 anos e por usar eses datos para establecer ránkings de centros e asignar recursos segundo os resultados das probas".
Desde as anpas tamén se destaca a importancia dese boicot e a gran cantidade de familias que decidiron non enviar os rapaces á escola. As súas cifras son aínda maiores e a Confapa, que representa 500 anpas de Galicia, sitúa o absentismo entre o 58,5% e o 60%. "E moitos que os enviaron a clase porque o traballo lles impedía atendelos", explica Helena Gómez, presidenta da entidade, que destaca tamén que a iniciativa, pola maior facilidade para conciliar, callou máis no rural. De feito, na provincia de Ourense o seguimento da protesta foi moito maior que nas outras provincias, logo de que a Confederación fixese balance dos datos recollidos nos catro territorios. A CIG sitúa o absentismo de alumnos en máis do 40%. Pola contra, o conselleiro de Educación asegura que tan só o 20% de alumnos faltaron a clase e dixo, ademais, que no 95% dos centros todo se desenvolveu con normalidade.
A Xunta enviou unha circular advertindo de que os alumnos que non fixeron a proba aínda a poden iniciar no segundo díaMalia o importante rexeitamento da comunidade educativa, a Xunta tenta por todos os medios que a reválida se leve a cabo. De feito, e tal e como explican fontes dos centros, a Consellería de Educación enviou unha circular na que autoriza a que a proba se lle realice este xoves 28 a aqueles alumnos que non acudiron ás aulas o mércores. Todo, malia que a primeira parte xa tería sido realizada polos seus compañeiros un día antes. "Queren que a fagan de calquera maneira", insisten. Ademais, insistiu en que non tería consecuencias, algo que en palabras das anpas "é faltar á verdade".
Na mobilización levada a cabo en Compostela, Fernando Lacaci, vicepresidente de Anpas Galegas, asegurou que a protesta non fai máis que amosar o "palpable enfado masivo das familias", que ven na proba un "malgasto de fondos públicos" para algo "innecesario". Ademais, advirte que os resultados que os rapaces obteñan na reválida "sempre van ser infinitamente peores" dos que acadan a través da avaliación continua.
"A reválida é aberrante desde o punto de vista pedagóxica, é innecesaria e deslexitima a función do docente"Pola súa banda, Anxo Louzao, de CIG Ensino, considera a reválida "aberrante desde o punto de vista pedagóxico", así como "innecesaria" por "deslexitimar tamén a función do docente". "Menospreza a avaliación continua e pretende facer unha clasificaicón de centros entre centros de primeira e de segunda", criticou, tras censurar tamén o "gasto de fondos públicos" que supón. Ademais, considera que o rexeitamento masivo "evidencia" o "fracaso" na aplicación da Lomce e de todo o que esta lexislación educativa supón.
Desde a Confapa, Helena Gómez esixe ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, "que responda dunha vez á petición de xuntanza de hai dous meses". Ademais, insiste en que a súa organización, así como o resto da comunidade educativa, seguirá "reclamando a retirada da Lomce".
Eran 22.000 os alumnos galegos de 3º de Primaria chamados a realizar a proba este mércores e xoves, a primeira proba de avaliación e diagnóstico inclúida na Lomce e que pretende coñecer a competencia do alumnado en comunicación lingüística e en matemáticas. De cumprírense os datos que adiantan anpas e sindicatos, serían menos de 10.000 os rapaces que terían realizado a proba en Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario