Acordaron nunha reunión o luns non enviar aos alumnos de terceiro ao colexio os próximos días 27 e 28 para que non fagan o exame previsto.
A polémica xerada pola proba que avaliará a próxima
semana a 22.000 alumnos galegos de terceiro de Primaria entrou con forza
en Lalín. Pais e nais de alumnos deste nivel do colexio Manuel Rivero
reuníronse o pasado luns para decidir conxuntamente que medidas tomar
ante unha proba coa que están en completo desacordo: «Non nos parece
unha avaliación obxectiva, e xa que non ten consecuencias, creemos que é
innecesario someter a esa presión aos nenos», a unha idade de só 8
anos, indica unha das nais presentes na reunión, que engade que ao ser
exames estandarizados non miden correctamente a progresión do alumno no
colexio. Outra nai indicaba onte a súa desconformidade con que se someta
aos alumnos a unha avaliación externa, que pode incluír contidos que
non se deron en todos os centros, polo que conclúe que «é máis correcto
que lles examine o docente» que imparte as clases.
Ante a súa desconformidade coa proba, pais e nais da
vintena de escolares de terceiro de Primaria do Rivero decidiron non
enviar aos seus fillos ao colexio o vindeiro mércores día 27 e o xoves
día 28, as datas previstas para a realización das probas. «Pois se porán
enfermos eses días», indican, sinalando que a decisión será secundada
por todos os alumnos despois de decidir reunirse tras expor a cuestión a
través do grupo de Whatsapps dos pais e nais de terceiro de Primaria.
¿Que consecuencias terá a súa acción? «Pois non o sabemos, pero no
cárcere non nos van a meter». Entenden que non serán importantes, por
canto trátase dunha proba de carácter orientativo unicamente.
O Rivero dá o primeiro paso, pero noutros centros
medítase que facer ante esta reválida, a primeira en implantarse pero á
que seguirán outras en 4º e 6º.
Docentes de Pontevedra piden que se retire esta proba de avaliación
Si
os pais do Rivero móstranse contrarios á proba, na mesma liña
pronunciouse xa a Xunta de Persoal Docente da provincia de Pontevedra,
quen se opón a este primeiro test de avaliación da Lomce. De feito,
esixen á administración a paralización e retirada desta proba de
avaliación individualizada, á vez que instan aos consellos escolares e
claustros dos centros a aprobar resolucións en contra do test, e a
apoiar a decisión das familias de non enviar aos fillos aos colexios o
día da proba.
Nun comunicado, afirman que hai que facer fronte ao
que tachan de «atropelo» e sinalan que «en nada contribúe ao proceso do
ensino-aprendizaxe, nin beneficia ao alumnado». Engaden ademais que
desconfía do traballo do profesorado, que estará sometido e condicionado
no futuro a preparar aos escolares para a mellor nota posible, e pode
pretenderse coa proba conformar ránking de centros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario