O presidente da Real Academia acusa ao PP de non ter a defensa do galego como unha das súas ideas fundamentais. Dende a USC pídese que se aplique o Plan de Normalización mentres os conservadores, polo de agora, gardan silencio.
A lingua galega entra de cheo en campaña tras o comunicado das tres universidades alertando que o idioma propio corre risco de ser estranxeiro na súa propia terra.O presidente da Real Academia, histórico militante do PCE, tirou de retranca para advertir que "o PP non veu ao mundo para salvar a lingua galega". A insitución que preside Alonso Montero, ao igual que os departamentos de galego das universidades que se pronunciaron o luns, son moi críticos co chamado "Decreto do Plurilingüísmo".
Montero lembrou que o PP non ten como idea fundamental no seu programa a defensa do galego pero que goberna, polo que cómpre reclamarlle "aquelo que é esixíbel" mentres se espera que "gobernen outras forzas".
Na súa opinión debe ser o conxunto da sociedade quen reivindique esta defensa do propio. "A sociedade galega é a que ten que reclamar unha boa educación pública, unha boa sanidade pública e que se tomen medidas para que o galego no lugar de desfalecer, poténciese", indicou tras un evento polo Día das Letras na Universidade de Santiago.
Pola súa banda, Francisco Cidrás, un dos profesores autores do manifesto, lembrou que "os indicadores que van aparecendo nos últimos anos paunta dun xeito claro a un retroceso da posición social do galego". O responsábel do Departamento de Filoloxía da USC lembroulle a Xunta que é o Goberno quen ten ferramentas para corrixir esta situación porque, considera, aínda se está a tempo de corrixir o declive. Cidrás reclamoulle ao Executivo en particular que aplique o Plan de Normalización Lingüística.
Polo de agora nin a Xunta nin o PPdeG responderon as críticas recibidas. Con todo, cómpre lembrar que, despois de alimentar a polémica lingüística durante o bipartito, os conservadores, unha vez recuperado o goberno, sempre tenataron afastar o problema da lingua da primeira liña do debate público, conscientes do potencial mobilizador que ten o idioma entre os sectores sociais que apoian á oposición.
Ningún comentario:
Publicar un comentario