xoves, 7 de maio de 2015

Preto de 1.300 alumnos súmanse ao 'XV Correlingua' en Lugo

Chegados de centros de toda a comarca de Lugo, de Terra Chá, da Montaña e incluso de municipios como Vila de Cruces ou Melide, participaron na carreira pola cidade amurallada e lanzaron "un berro unánime en defensa da lingua galega".

Uns 1.300 alumnos participaron a mañá deste mércores en Lugo na décimo quinta edición do Correlingua, un evento que mestura a práctica do deporte coa defensa do "futuro" da lingua galega, patrocinado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Os alumnos, chegados de centros de toda a comarca de Lugo, da Terra Chá, da Montaña lucense e incluso de municipios como Vila de Cruces ou Melide, participaron nesta carreira, que discorreu por varias rúas da cidade amurallada, e lanzaron, segundo os seus promotores, "un berro unánime en defensa da lingua galega".

Logo da carreira, participaron nun acto celebrado na Praza de Santa María, coa participación da actriz Isabel Risco, que exerceu como mestra de cerimonias da entrega de premios do concurso de Pancartas e Animación.

Tamén se procedeu á lectura do habitual manifesto en defensa do galego do Correlingua e os presentes gozaron da actuación do grupo Bocinazo.

Ademais, desenvolvéronse hoxe actos en Monforte de Lemos, onde se reuniron os escolares da Zona Sur, mentres que os da Mariña participaron onte nestas actividades en Ribadeo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario