xoves, 7 de maio de 2015

Windows 10 podería converter os teléfonos nos ordenadores do futuro

O anuncio de Microsoft de que os futuros smartphones con Windows 10 poderían comportarse como ordenadores de escritorio con aplicacións universais foi considerado como toda unha revolución que podería ser o grande reclamo para os futuros smartphones de alta gama con Windows 10, e pouco a pouco imos sabendo máis detalles sobre esta prestación que chegaría despois do verán, como que poderá empregarse tanto mediante un conector HDMI ou con tecnoloxía Micacast (evitando o uso de cables) mentres que o teclado e o rato conectaríanse a través de Bluetooth.
Dende The Verge tamén detallan que, ao estar ante aplicacións universais, non teriamos a mesma experiencia de uso á que estamos afeitos no escritorio de Windows, senón que sería máis semellante ao que tiñamos en tabletas con Windows RT (máis que suficiente para o uso de aplicacións ofimáticas) e, aínda que na actualidade aínda están a desenvolver o chamado Continuum for Phones, as versións de demostración actuais xa teñen un uso bastante solvente, e tamén permitiría que os desenvolvedores e as aplicacións puidesen facer uso da pantalla externa como monitor secundario, para usos como poder reproducir unha película no televisor mentres estamos a ler o correo electrónico no teléfono.
O máis sorprendente de todo isto é que, aínda que este modo de funcionamento dependa do hardware, de xeito que quedaría restrinxido aos smartphones de alta gama, pode que a previsible barreira de prezo sexa só temporal, pois a intención de Microsoft é aproveitar esta tecnoloxía para os mercados emerxentes nos que o teléfono é o principal equipo informático, polo que o feito de poder empregalo como un equipo de escritorio pode converterse efectivamente no xeito de levar o escritorio de Microsoft a novos mercados.
Ábrese así un novo escenario no que, en palabras de Keri Moran, unha das principais directora de programación para Windows en Microsoft, “cada pantalla pode converterse nun PC”, de xeito que poderiamos chegar a ver ordenadores portátiles e tabletas que fosen practicamente unha pantalla e unha batería, manténdose o seu cerebro no teléfono, para o que será decisiva a participación dos desenvolvedores á hora de crear aplicacións universais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario