Un total de 20 pequenos de Carballo están pendentes de escolarizar para o vindeiro curso por un erro de cálculo da Xunta que quere, agora, aforrar o que custa un profesor. A proximidade das eleccións municipais e a politización do problema entre Xunta e Concello de Carballo complican a procura dunha solución.
Vén de lonxe a problemática escolar en Carballo. Xa o
ano pasado os pais e nais da zona do CEIP Fogar erguéronse esixindo a
apertura dunha aula de infantil, xa que son moitos os nacementos nesta
zona carballesa e as prazas de escolarización non son suficientes.
Este luns celebraban unha concentración ás portas do Concello carballés, e, a pesar do mal, tempo, un centenar de pais apoiaron esta reivindicación tan básica como a escolarización dos seus pequenos.
Así, a día de hoxe, quedan 20 familia afectadas, con 20 nen@s que quedan sen praza no CEIP Fogar por
un mero problema político-económico. “O problema vén de lonxe”,
recoñece Marcos Díaz, un dos pais afectados. “En Carballo, como en todos
lados, hai unhas zonas e dáse unha puntuación segundo proximidade ao
centro, e a zona do Fogar é moi ampla e se masifica dende fai anos.
Mesmo a Consellería recoñeceunos á ANPA que hai un problema co mapa de
zonas pero por agora non o resolveron, e iso que hai 8 anos que se vén
producindo este problema”.
Este grupo de pais e nais manteñen unha forte unión nas últimas
semanas, esixindo a resolución dun problema que pode deixar a 20 nenos
sen escolarizar. E realmente, solventaríase coa creación unha cuarta
aula de infantil no centro carballés. Pero aí entran os cartos e de
feito dende a Xefatura de Educación xa deixaron caer que era practicamente imposible abrir outra aula, porque o centro está bastante saturado, e iso impediría outras actividades noutras aulas.
”En termos económicos, que ao final é o que importa”,
recoñece Díaz, “á Xunta o que lle supón é poñer un profesor máis, que se
miras o custe por neno é moi baixo, e moito menor que o imos gastar en
garderías ou en transporte”.
Ademais do económico hai un problema político en cernes. O Concello
carballés, gobernado polo BNG dende hai anos, asegura que leva enviado
todas as propostas á Xunta en tempo, mentres a Xunta asegura que non o
manda correctamente. En todo caso, e de cara á posible apertura da 4ª
aula, o Concello xa afirmou que asumiría todos os gastos dunha posible reforma no CEIP Fogar, polo que só fai faltaría que enviasen un profesor dende a Xunta.
Un dos puntos que máis critican os afectados é que din que este asunto
xa se ten que saber dende lonxe, a raíz dos nacementos anuais. Arredor dun 25% dos nenos pediron praza nova este curso non foron admitidos na zona,
un asunto do que as administracións deberían saber de antemán, e
deberían ter buscado solucións. Por iso, critican que os recortes en
educación seguen traendo consecuencias coma esta.
Os propios pais e nais afectados xa están traballando en buscar solucións.
“Os pais fomos punteando entre os nós para ver quen quería ir ao CEIP
Bergantiños ou a unha segunda aula na escola Unitaria de Mirón, en
Bértoa, pois os que van a Mirón pasan dentro de 3 anos ao Fogar, e é un
centro onde podería acondicionar unha segunda aula”.
Todo vén ademais por un problema colateral, i é que no colexio da
Milagrosa hai moi poucas solicitudes, de feito a pesar das 50 prazas
ofertadas, este ano non chegaron 10 solicitudes. O caso é que “hai xente que mesmo mercou casa preto do Fogar para levar alí aos seus fillos,
e agora atópanse con este problema”. E se ben indican que pode haber
xente que aproveita un “falso” empadroamento para aproveitarse da praza,
non quere levar o asunto ao eido persoal.
Unión
Por agora “a xente está comprometida, hai unión, e iso é fundamental”,
apunta Díaz. Xa estivemos a semana pasada na Xefatuta da Coruña falando
cun Inspector da nosa zona, pero agora queremos reunirnos con Indalecio
Cabana, Xefe Territorial de Educación, para formalizar as nosas
peticións”.
“Admitir que hai 20 pais que non van a escolarizar aos seus fillos é algo moi triste”, conclúe.
Nova do medio colaborador QPC, integrante da Asociación de Medios en Galego (Amega)
Ningún comentario:
Publicar un comentario