Menos do 22% dos profesores desta universidade utilizan o galego nas aulas. O Servizo de Normalización Lingüística da USC acaba de lanzar a campaña 'Ensinas máis do que cres' para impulsar o idioma propio entre os docentes.
O uso do galego na docencia dos graos neste curso 2014-205 é do 21,52% sobre o cómputo de horas de docencia global (máis de 384.000 horas), mentres que o do castelán foi dun 74%. Son os datos aportados por un estudo realizado polo Servizo de Normalización Lingüística da USC.
Unha situación que tamén inflúe no alumnado. Se o
docente fala en español, os estudantes empregan máis este idioma. Se,
pola contra o profesor usa máis o galego, os alumnos empregan tamén máis
o noso idioma. De feito, tal é así que, segundo este estudo realizado
con datos do pasado curso, un mesmo grupo de clase usa o galego nos
exames ata un 70% máis co profesor que lle imparte as clases nese idioma
que co que o fai en castelán,
En conxunto, os usos lingüísticos na docencia da USC non son moi equilibrados; “daquela, dificilmente o alumnado vai aprender competencias lingüísticas
profesionais e non se favorece a aparición ou consolidación de
actitudes positivas tamén cara ao galego”, explicou a vicerreitora de
Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva.
Por iso, e para tentar poñerlle couto a esta situación, este servizo acaba de lanzar a campaña ‘Ensinas máis do que cres’ . A campaña está dirixida a todo o persoal docente e investigador da Universidade de Santiago.
Os responsables universitarios e do Servizo de Normalización
Lingüística promotor da iniciativa buscan concienciar a esta comunidade
en pleno proceso de elaboración dos Plans de Ordenación Docente (POD)
para o vindeiro curso. “A discusión e aprobación dos POD é un momento
moi oportuno para reflexionar sobre o papel no uso do galego na docencia
e na adquisición de competencias e actitudes lingüísticas por parte do
alumnado”, suliñou o responsable do Servizo de Normalización Lingüística
da USC, Manuel Núñez Singala.
“Co lema ‘Coidas que só ensinas contidos? Ensinas máis do que cres’ transmítese
a idea de que os contidos das materias e a terminoloxía específica que
aprende o alumnado depende exclusivamente dos docentes, dos acordos
tomados á hora de impartir clases, das decisións adoptadas ao aprobar os
POD”, apuntan os seus responsables.
Insisten en que, a través desta campaña o alumnado tamén aprende actitudes. Din que poden deducir que só certas linguas poderosas serven para o exercicio profesional se
a maior parte da docencia que reciben se imparte só nelas, ou poden
aprender que todas as linguas son válidas. Neste senso, a profesora de
Veterinaria Marta López Alonso, protagonista da imaxe da campaña xunto
ao profesor de Dereito Gumersindo Guinarte, destacou que “é importante a
inmersión lingüística na vida universitaria; ao alumnado ten que lle
notarse que pasou pola Universidade”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario