mércores, 6 de maio de 2015

O paro é o tema máis requirido polos internautas españois esta primavera

Wunderman, rede de axencias de publicidade e mercadotecnia en liña, vén de publicar un informe no que se dá conta das principais preocupacións da cidadanía española en Internet. Ou sexa: os temas que buscan ampliar e actualizar na Rede con meirande frecuencia, aqueles cos logo se inician e enriquecen debates e conversas. A investigación ten cousas previsíbeis (como por exemplo que o fútbol está no top 5 de cousas máis procuradas, como non), e outras non tanto (a corrupción política é un tema que preocupa, e moito, o que con toda probabilidade fala de até que punto está farta a sociedade desta lacra). A listaxe de temas complétase co paro (en primeiro lugar) e os políticos (terceiro).
O estudo fíxose analizando unha media de 5.000 chíos publicados en redes sociais en España entre os meses de marzo e abril. Segundo os datos recolleitos grazas ás potentes ferramentas de escoita, análises de significado e regras automatizadas de Wunderman, obsérvase as seguintes porcentaxes: primeiro o paro (28,1%), segundo a corrupción (24,1%) e en terceiro lugar os políticos (16,7%). En canto ao resto de temas que máis comentarios xeran atópanse o fútbol (11,3%), a seguridade (7,6%) e a traxedia os Alpes da compañía aérea Germanwings (2,6%).
Segundo os autores da investigación, “existe unha evidente correlación entre os comentarios publicados polos usuarios españois e os contidos publicados e difundidos polos medios de comunicación”. Isto que significa? Pois que cando a prensa dá menos visibilidade a temas relevantes (como o ébola ou os secuestros levados a cabo por Boko Hara), tamén pasan a un segundo plano nas redes sociais. Deste xeito, a corrupción e o paro, que copan as primeiras planas durante os últimos meses, convertéronse nos principais temas de conversación e preocupación por parte dos españois en Twitter. Para quen queira ver a infografía do estudo, dicirlle que está dispoñíbel en libre descarga.

Ningún comentario:

Publicar un comentario