mércores, 6 de maio de 2015

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público inicia unha campaña para que as familias rexeiten as reválidas e as probas de 3º de primaria

Propón que non se envíen os fillos/as ese día a clase ou que as familias entreguen un escrito á dirección manifestando o seu rexeitamento ás probas.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público rexeitou este martes en rolda de prensa a proba de avaliación individualizada en 3º de primaria que se realizará o 27 e 28 de maio e que é o preámbulo das reválidas. A Plataforma vai desenvolver unha campaña para animar as familias a que desdeñen estas probas non enviando ese día os seus fillos ou fillas ao centro ou entregando á dirección un escrito amosando o seu rexeitamento á proba (no interior da nova podes acceder ao modelo). A Plataforma tamén convoca unha concentración para o 27 de amio ás 11:30 horas diante da Consellaría de Educación.
Na rolda de prensa, Anxo Louzao, lembrou que a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público desde o primeiro momento activou e promoveu todo tipo de accións para combater a LOMCE “consciente de que estabamos ante unha lei nociva para o ensino público e galego. É unha lei que impide o dereito á educación de todo o alumnado, que acrecenta a privatización e a mercantilización da educación, desterra a igualdade de oportunidades, elimina a xestión democrática dos centros, reforza a confesionalidade, promove a segregación do alumnado e reincorpora as reválidas do franquismo”, dixo Louzao.


A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público denuncia que a aplicación da LOMCE neste curso foi unha improvisación e un desatino absoluto que significou un prexuízo para o funcionamento dos centros e para a calidade do ensino. Tamén critica que a Consellaría de Educación, en lugar de oporse a Madrid, actúe submisamente aos seus mandatos e decida someter todo o alumnado de 3º de Primaria a unha proba xeral individualizada que conxuntamente coa prevista para 6º de Primaria son a antesala das reválidas, requisito imprescindíbel para acceder ao título de ESO e bacharelato.
“Non hai ningunha razón que xustifique que un neno de 8 anos teña que pasar a presión dunha proba sobre materia que non coñece e que non vai servir absolutamente para nada, que non achega nada e que non lle serve a ninguén”, sinalou Fernando Lacacci que denunciou o desprezo ás familias e ao profesorado. Tamén a representante estudantil insistiu no rexeitamento á LOMCE polas consecuencia que terá para o ensino público. 
MANIFESTO NON ÁS REVALIDAS
MODELO DE ESCRITO PARA AS FAMILIAS

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público n fixo público un manifesto que recolle as razóns polas que se rexeitan estas probas e as reválidas e que son as que seguen:
  • É unha aberración desde o punto de vista pedagóxico someter o alumnado de 8 anos a unha presión innecesaria, mediante unha proba que o vai avaliar baixo estándares uniformizados, sen considerar a educación como un proceso no que hai que avaliar e considerar as circunstancias persoais, socioeconómicas, capacidades e actitudes do alumnado. Limítase a avaliar o ámbito lingüístico e matemático, menosprezando a adquisición doutras competencias, destrezas e habilidades do campo artístico, musical e físico e refusando o ensino da nosa historia e medio natural imprescindíbeis para a formación integral do alumnado.
  • Despreza a avaliación continua e a opinión do equipo docente. Ninguén mellor que o titor ou titora ou o equipo docente para coñecer as carencias, potencialidades, habilidades e capacidades do alumnado e dos medios, recursos e apoios necesarios para mellorar a aprendizaxe e o rendemento escolar.
  • Subestima e desconfía do traballo do profesorado que estará sometido e totalmente condicionado a orientar o seu traballo docente a preparar o alumnado para a obtención da mellor nota posíbel na avaliación final, marxinando outros aspectos educativos fundamentais nesta etapa educativa.
  •  Responde á pretensión de conformar rankings de centros, segundo os resultados destas avaliacións e sen ter en conta as características do alumnado e os servizos cos que conta o centro, co obxecto de ir configurando unha rede elitista de centros que contará con máis medios e recursos.
  • Pretende ir afirmando un sistema educativo competitivo, clasista e segregador que vai excluíndo os sectores máis desfavorecidos da educación e asentando unha estrutura curricular ao servizo do neoliberalismo.
  • Supón tamén un despropósito, xa que os estudos de aprendizaxe que se pretenden avaliar corresponden aos tres primeiros cursos de primaria e o alumnado que vai sufrir as probas só cursou terceiro da LOMCE.
  • A Consellaría de Educación malgasta o diñeiro público, malia as múltiples carencias dos centros, e somete o profesorado a unha sobrecarga de traballo coincidindo co final do curso.

Estas e outras moitas razóns son as que levan á Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público a animar as familias a que o día da realización da proba xeral de 3º de Primaria (27 e 28 de maio) non envíen os fillos e fillas aos centros ou manifesten o seu rexeitamento.

Na rolda de prensa estiveron presentes representantes das organizacións que integran a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.  A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está integrada pola AS-PG, CIG-Ensino,  Comités, Liga Estudantil Galega,  Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL), Federación de ANPA de Compostela, Federación de ANPA da Costa da Morte, a Federación de ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Agir, Sindicato de Estudantes, BNG, Galiza Nova e a Federación de ANPA de Ponteareas

Ningún comentario:

Publicar un comentario