mércores, 6 de maio de 2015

A ANPA do Golmar acepta unha reunión coa Xunta, pero prepara mobilizacións

O encontro co xefe territorial será o día 12 -A edil de Cultura irrompe na asemblea.

A ANPA do colexio Xesús Golmar de Lalín mantén o seu pulso coa Consellería de Educación nas súas demandas para o centro. Onte á noite celebrouse unha asemblea extraordinaria na que os pais debían dar a súa opinión sobre as medidas a tomar para esixir a construción dun patio cuberto, celosías na planta alta para poder ventilar as aulas, evitando así as altas temperaturas ou a cobertura de toda a demanda das prazas de comedor.
O encontro celebrouse pese ao ofrecemento da xefatura territorial dunha reunión para finais de mes, á que a ANPA presidida por Elizabeht Igrexas respondeu que a asemblea xa fora convocada. Pero onte pola mañá desde o departamento que dirixe César Pérez Ares volveron contactar cos pais para adiantar a reunión ao próximos martes 12. Igrexas e a súa xunta directiva aceptaron este encontro, pero sen rexeitar á organización de dúas concentracións diante do centro, para as que xa se están tramitando as preceptivas autorizacións. Porque os pais o que desexan é un compromiso por escrito para as súas demandas e, no caso de que Pérez Ares non garanta as súas esixencias, convocaranse os actos de protesta para os días 18 e 20 deste mes.
Entre os presentes causou malestar a irrupción da concelleira de Cultura -tamén profesora no colexio- María Álvarez, quen tomou a palabra para indicar á directiva que as relacións co concello sempre foran fluídas. "Dixo que a visera na zona de Infantil pagaríaa a Deputación e que tamén estaban previstas as celosías, algo que non sabiamos", comentaban desde a directiva da ANPA: Sobre o patio cuberto a edil dixo que existen outras prioridades como as deficiencias do colexio de Prado. Algúns dos presentes reprochoulle que admitise agora os problemas do Xoaquín Loriga, que transcenderon hai semanas.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario