Convocatoria de reunión para estudar as medidas a adoptar para conseguir a anulación da proba de reválida de terceiro de primaria, segundo o decreto 105/2004.
Ante a resolución da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria, do 24 de abril de 2015, pola que se ditan instrucións para o
desenvolvemento da avaliación individualizada dos alumnos e alumnas do terceiro
curso de educación primaria en aplicación do Decreto 105/2014, do 4 de
setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade
Autónoma de Galicia recolle que:
"a avaliación
individualizada de terceiro curso de educación primaria ten como finalidade
comprobar o grao de dominio das destrezas, capacidades e habilidades do
alumnado en expresión e compresión oral e escrita, cálculo e resolución de
problemas en relación coa adquisición de competencias en comunicación
lingüística e da competencia matemática. Esta
avaliación ten carácter informativo e orientador".
EXPOÑEMOS:
1.
O dito carácter informativo e orientador é compatible
co carácter avaliativo da proba diagnóstico, e co requirimento de aprobala para
promocionar de curso. De feito, o artigo 20.2 da LOMCE expón que:
"O alumno ou alumna accederá ao curso ou
etapa seguinte sempre que se considere que logrou os obxectivos e ten acadado o
grao de adquisición das competencias correspondentes. De non ser así poderá
repetir unha única vez durante a etapa, cun plan específico de reforzo ou
recuperación. Atenderase especialmente aos resultados da avaliación
individualizada ao finalizar o terceiro curso de Educación Primaria e de final
de Educación Primaria".
2.
CONFAPA Galicia solicitou unha aclaración neste
sentido, tanto á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
como ao Consello Escolar de Galicia, igualmente, sobre como afecta a proba ao
expediente do alumno/a e que medidas de reforzo están previstas para os casos
con resultado desfavorable, sen obter resposta.
3.
De recaeren as ditas medidas
de reforzo no profesorado, será este o que deberá
atopar e aplicar solucións se o
resultado é desfavorable. Deste modo a Administración desenténdese da súa
obriga de compensar a desigualdade socioeducativa (destinar máis recursos
humanos e económicos aos centros con máis necesidades).
4.
A LOMCE define a proba de avaliación diagnóstica como
unha auditoría externa ao centro. Pola contra, o decreto da Consellería
establece que é cada centro quen se autoavalía, perdendo a proba, polo tanto,
calquera valor obxectivo e rigoroso que puidese ter.
Polo tanto, dende a Federación de ANPA de Pontevedra COMUNICAMOS:
1.
Que mentres non se clarifique en texto legal da
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o carácter non
avaliativo da proba diagnóstico de terceiro curso de primaria debemos supoñer
que a proba ten carácter avaliativo, e que para promocionar de curso é
necesario aprobar o dito exame, tal como establece a LOMCE no artigo 20.2.
2.
Esta situación, conxuntamente coa perda do seu carácter
de auditoría externa e a carencia de medidas específicas de reforzo obrigadas
segundo a LOMCE, reforzan a nosa oposición frontal á realización desta
avaliación diagnóstica, polo que pedimos a
retirada do decreto e a non realización da proba.
3.
A FANPA conxuntamente cos seus asociados estudará as
medidas que adoptará para que se atenda a petición de retirada do decreto e a
non realización da avaliación individualizada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario