Os concellos de Santiago de Compostela, A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois e Vigo apoian Apego, un novo programa colectivo creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial e axudar ao seu mantemento.
Este proxecto, nado por iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as
de Normalización Lingüística, desenvólvese, de xeito cooperativo, entre
os servizos de normalización deses municipios.
Apego vai dirixido ao contexto familiar e social dos nenos e nenas nos
seus primeiros anos de vida (0 a 6) para achegarlle argumentos,
facilítalle recursos e procurar a existencia de redes que sosteñan e
arroupen o uso do galego. Nese contexto tense en conta o núcleo de
crianza na casa e tamén os espazos de socialización como as escolas
infantís, as ludotecas ou os parques.
Elaborouse unha serie de items cos que achegar a información e invitar a
que a acollida dos nenos e nenas se faga en galego. Tamén se creou un
espazo virtual de información e intercambio que servirá de punto de
encontro dos recursos que se poidan ofrecer ás familias que desexen
incorporar ou manter o galego. Este espazo, www.apego.gal,
será unha porta aberta á oferta municipal en galego para estas idades,
máis tamén o quere ser ás iniciativas sociais de calquera tipo que
concorden cos obxectivos do Apego.
Campaña informativa na rede sanitaria e agasallos
A través da web, as familias interesadas poden sumarse á comunidade do
Apego para recibiren de xeito máis directo a información e o apoio. E
tamén se poderán sumar grazas á campaña informativa que se distribúe na
rede sanitaria e que os invita a achegárense ao servizo de normalización
para recoller os agasallos de benvida.
Estes agasallos están deseñados para dous momentos -unha caixa que se
entrega ás nais xestantes e un CD cunha selección musical que poderán
recoller no momento en que o neno ou nena estea empadroado- e cun
obxectivo: contribuír a que as familias teñan unha visión positiva da
nosa lingua e se animen a transmitila.
Ademais destes ítems, que queren estar presentes durante os primeiros
anos da crianza, iranse organizando accións de intercambio e
socialización coas que enriquecer o uso da lingua, crear ou manter redes
colaborativas e apoiar o labor das familias. No caso de Compostela,
programáronse dous obradoiros formativos para as escolas infantís 0-3
sobre os recursos que existen para a educación nestas etapas en galego,
que se completarán con iniciativas como as que xa convocaron algúns dos
concellos participantes: obradoiros de xogos de dedos, cantos de berce,
contacontos, concertos para bebés, etc
Ningún comentario:
Publicar un comentario