Nos últimos meses as investigacións, detencións e mesmo condenas a cidadás e cidadáns polas opinións que publicaron nas redes sociais aumentaron. Esta realidade, que saltou de novo á palestra após o acontecido co concelleiro de Madrid, Guillermo Zapata, sérvenos para nos lanzar unha pregunta: está en causa a liberdade de expresión?
Un dos casos máis recentes foi o da denominada Operación Araña. Un operativo policial que atinxiu, entre outros territorios, Galiza e do que resultaron detidas --en dúas fases-- máis de medio cento de persoas, entre elas un cidadán vigués (M.L.M) e o coñecido rapeiro de Def Con Dos, César Strawberry. O seu presunto delito, "enaltecer o terrorismo" con comentarios que "facían apoloxía de ETA, PCR-R/GRAPO e Terra Lliure".A mesma acusación foi a que levou o militante de Briga, Lucas Arbones, a prestar declaración perante a Audiencia Nacional española hai un ano. Ou a activista española do 15-M, @almu_en_lucha pola publicación de "chíos violentos" nos que usaba citas de teóricos como Antonio Gramsci.
As ideas vertidas nas redes sociais obxecto de suporen un delito son múltiples e diversas e elévanse --para alén do público-- ao ámbito privado. Eis o caso do veciño de Triacastela, Marcos Celeiro, ao que acusan de danar a "honra" da empresa Cementos Cosmos polas opinións partilladas nas redes sociais. O seu xuízo está pendente de sentenza. Non así o de Alba González, condenada a 1 ano de prisión por ter enviado unha vintena de chíos "de contido radical e violento", segundo a sentenza da Audiencia Nacional española.
O Código Penal prevé de 1 a 3 anos de prisión por delitos de "enaltecemento do terrorismo" nas redes sociaisAs persoas encausadas pola Operación Araña poderían facer fronte a unha petición de condena moito máis alta. Após a reforma do Código Penal e da aprobación do pacto antijihadista, asinado por PP e PSOE, a lexislación prevé até 3 anos de privación de liberdade por un delito de "enaltecemento" nas redes sociais.
Perante este contexto a demisión de Zapata semella máis "unha cousa un tanto sacada de quicio" e propia da "política local madrileña" que un asunto capaz de xerar "debate internacional" ao respeito, sinala en conversa con Sermos Galiza, Xosé Manuel Pereiro, presidente do Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza (CPXG). Porén, o certo é que as redes ferveron ao longo de toda a segunda feira e nelas pairaba a pregunta: ten límites a liberdade de expresión?
A sátira e a retranca
"O humor e a liberdade de opinión non deben ter límites", afirma de maneira taxativa Xosé Manuel Pereiro. "O humor", acrecenta, "sempre molestará a alguén", nomeadamente o "negro", o "extremo" o de "mal gusto". Porén, sinala, "o humor enténdese que non o é por facer rir a todo o mundo".
E exemplos hai dabondos. Defendidos, aliás, afervoadamente por quen sinala noutras ocasións co dedo acusador.
O acontecido devolve ao maxín as capas da revista francesa Charlie Hebdo, ridiculizando e satirizando a Maomé, Alá e a poboación musulmá. Após o asasinato do seu director e de boa parte do cadro de persoal, #JeSuisCharlie tornouse nunha arenga á liberdade de opinión e de prensa nun Estado, como o español, no que foi retirada unha publicación semellante cando as personaxes da capa eran os daquela príncipes de Asturies.
"Eran admisíbeis as ofensivas diatribas do Charlie Hebdo contra o Islam?""O humor, de mal gusto, tamén é unha expresión do noso ser escuro e desgarrado, pero non hai que esquecer o contexto no que se produce nin perder os papeis. Nin nunha dirección nin na noutra. Ou si eran admisíbeis as ofensivas diatribas do Charlie Hebdo contra o Islam?", preguntábase no seu blogue 'Un país en lata' o xornalista, Fran P. Lorenzo ao fío do affaire Zapata.
A liña que separa o público do privado estréitase de maneira proporcional ao espazo que van engolindo as redes. Até onde unha opinión lanzada en Twitter deixa de ser persoal para se tornar en reprobábel publicamente? "Hai que actuar nas redes baixo a premisa de que non é privado", apunta Pereiro.
Acceso á información
E, nese senso, a hemeroteca reflicte unha dinámica institucional que vixía e pune as opinións nas redes, mais que visa, tamén, limitar o dereito de acceso á información. "Na lei procesual que fixo Gallardón", explica Pereiro en relación á reforma da Lei de Enxuízamento Criminal aínda en tramitación, "prevíase que o fiscal determinase que testemuñas ou persoas encausadas nun proceso non puidesen facer declaracións até a vista oral" valorando posíbeis sancións no caso daqueles medios que se fixesen eco das mesmas.
Para alén do máis, o executivo de Mariano Rajoy prevé evitar o que define como a 'pena de telexornal' garantindo o respecto á imaxe das persoas detidas mais limitando as informacións que se publican no marco de procesos xudiciais abertos. A reforma colleu forza logo da detención de Rodrigo Rato, entre outros escándalos de corrupción que perseguen o PP.
Ningún comentario:
Publicar un comentario