martes, 23 de xuño de 2015

"A lingua non é sexista, pero si o uso que facemos dela"

A secretaria de Muller e Cooperación, Mabel Pérez Simal, presenta a nova "Guía para un uso da linguaxe non sexista nas relacións laborais e no ámbito sindical" hoxe en Compostela.

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) presentou este luns , día 22 de xuño, a Guía para un uso da linguaxe non sexista nas relacións laborais e no ámbito sindical. Este traballo foi dado a coñecer publicamente nunha conferencia de prensa na que participaron a secretaria de Muller e Cooperación, Mabel Pérez Simal, xunto con dúas profesoras da Universidade de Santiago de Compostela, Marisol López Martínez (Filoloxía Galega) e Concha Mas Álvarez (Ciencias da Educación).
 
Segundo a secretaria de Muller e Cooperación, «a lingua non é sexista», mais si o é «o emprego que facemos dela». A linguaxe é dinámica «e evoluciona de contino e ten moitas posibilidades para se adaptar aos cambios que demanda a sociedade». Para isto, cómpre «asumirmos como tarefa e obriga o uso non discriminatorio da linguaxe por razón de sexo, de xeito que homes e mulleres se atopen representados de maneira igualitaria nas nosas propostas e na nosa acción sindical».
 
Mabel Pérez Simal coida que esta guía será de utilidade para as delegadas e delegados do sindicato —o seu público principal—, pero tamén suscitará o interese para o resto da poboación, xa que contén numerosos exemplos, consellos e pautas cuxa aplicación é válida noutros ámbitos, como os medios de comunicación, o ensino, o mundo do dereito ou a Administración.

Ningún comentario:

Publicar un comentario