venres, 19 de xuño de 2015

Anpas dezanas manteñen os seus bancos de libros pese ao fondo solidario da Xunta

O colectivo do Laxeiro defende a permanencia do seu depósito polo volume de socios que manexa -Movemento Dezao proporá ao goberno local crear un banco público.

No ocaso do curso escolar as anpas dezanas que dispoñen de bancos de libros manteñen, nestes últimos días, encontros para organizar a xestión dos seus fondos de face ao próximo curso. Pero este ano, tópanse de cheo cunha problemática que sacode a colexios e institutos por igual. A proposta da Xunta que expón a creación dun "fondo solidario de libros". Unha xestión que recae no equipo directivo e de profesorado dos centros, á marxe das anpas. Pero que tal e como explican uns e outros "creou unha situación total de incerteza e descontrol ante a falta de información concreta e detallada".
Por este motivo a ANPA do IES Laxeiro, celebrou onte unha reunión informativa para abordar dous aspectos craves: a xestión e organización do seu propio banco de libros, destinado aos socios do colectivo, e informar os proxenitores sobre o novo banco de libros impulsado desde a consellería. Unha xunta que reuniu non só aos integrantes do colectivo, que conta na actualidade con preto de 80 socios, senón tamén a proxenitores de novos alumnos que se incorporarán no próximo curso.
Desta forma conviven dous sistemas de xestión de libros, os que impulsan as anpas e os que forman o "fondo solidario". Estes últimos créanse a partir das achegas de libros realizadas polos pais que o ano pasado percibiron o cheque da Xunta para a súa adquisición, concedido en función dos ingresos das familias. Aínda que, desde a ANPA do Laxeiro manteñen a permanencia do seu banco de libros xa que consideran insuficiente o volume manexado polo outro fondo. Apuntan que o cheque, mesmo para aqueles casos que contaron cunha maior achega, "apenas alcanza a metade dos libros de texto necesario" polo que estes fondos non contarán con todos os libros. Faltan por definir, entre outros asuntos, os criterios que manexarán á hora destas reparticións no próximo curso.
Desde os centros explican que, a esta problemática tamén se suma a falta de publicación do catálogo completo de libros nalgúns cursos, pendentes de concretar así se contarán con libros adaptados xa á Lomce ou non.
Outro dos colectivos que abordará esta cuestión é a ANPA do Manuel Rivero, un dos pioneiros na creación do banco de libros, que opera desde hai máis de 5 anos. A próxima semana manterán un encontro para abordar cos pais esta problemática.
Sobre a mesa estes días tamén figura a proposta do Movemento Dezao de manter unha reunión, leste mesmo mes, co goberno lalinense para expor cuestións como creación dun Consello Escolar Municipal ou un banco de libros municipal do que poida beneficiarse o alumnado.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario